AD

Arte y Cultura

Ames presenta a programación cultural para os meses de outubro e novembro

today26 septiembre, 2025

Fondo
share close
AD

O alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García, destacou “Ames é un referente na contorna por toda a actividade cultural que temos. Hoxe presentamos unha programación moi variada xa que temos artes escénicas, teatro, danza, música, cine, maxia… e ademais dirixida a todos os públicos”

Tamén destacou a importancia das residencias que ofrece o Concello de Ames para as compañía de teatro. “É moi importante a colaboración que mantemos coas compañías porque necesitan espazos onde ensaiar, e precisamente con Teatro do Noroeste, puxemos a disposición das compañías un novo espazo como é o centro sociocultural de Agrón”

Ames, 26 de setembro de 2025.- Esta mañá o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a presentación da programación do Ames Cultural para os meses de outubro e novembro, formado por espectáculos de danza, teatro, proxeccións de cine; o festival de maxia de Ames FESTIMAX; o festival de cine infantil Cinema Miúdo; e a celebración de Santa Icía. As entradas xa poden adquirirse a través da Billeteira electrónica. A programación conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios e Turismo de Galicia, e da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

O outono chega cunha ampla programación cultural a Ames, dirixida para todos os públicos. Ao longo dos vindeiros meses de outubro e novembro, a veciñanza poderá gozar de diferentes propostas de teatro, danza, cine ou música que se desenvolverán nas localidades de Bertamiráns e no Milladoiro.

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta mañá a presentación deste programa. No acto de presentación participaron o alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García; a técnica de dito departamento, María Vázquez; o director e autor de “Desexo” de Talía Teatro, Diego Rey; un dos membros da compañía Producións Teatrais Excéntricas, Rubén G. Pedrero; e maila actriz de Teatro do Noroeste, Luma Gómez, que van a representar o espectáculo “Guerra”.

O alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García, destacou “Ames é un referente na contorna por toda a actividade cultural que temos. Hoxe presentamos unha programación moi variada xa que temos artes escénicas, teatro, danza, música, cine, maxia… e ademais dirixida a todos os públicos”. Tamén destacou a importancia das residencias que ofrece o Concello de Ames para as compañía de teatro. “É moi importante a colaboración que mantemos coas compañías porque necesitan espazos onde ensaiar, e precisamente con Teatro do Noroeste, puxemos a disposición das compañías un novo espazo como é o centro sociocultural de Agrón”.

Por outra banda, explicou que “este ano tamén temos unha serie de actividades programadas dentro da celebración do Ano Castelao. Ademais aproveito para adiantar que dentro da programación musical con motivo da celebración de Santa Icía, este ano imos poder contar cun concerto de Alonso Caxade, músico que naceu e vive en Ames, e que por primeira vez vai actuar no seu concello xunto coa banda de música de Brión. Isto é algo que poñemos en valor porque Alonso é unha persoa que colabora activamente en moitas das actividades que organiza o Concello”.

Programación no mes de outubro

O mes de outubro comezará coa representación da peza teatral “Desexo”, de Talía Teatro, o venres día 10, no auditorio do Milladoiro, ás 20.30 horas. A continuación, o venres 17, será a quenda da obra de danza de Óscar Cobos, “Nove Espellos”, que actuará no Milladoiro tamén ás 20.30 horas.

Na fin de semana do 24 ao 26 de outubro, celebrarase unha nova edición do festival de maxia de Ames FESTIMAX, unha das citas máis agardadas do outono amesán. O evento traerá os mellores espectáculos e obradoiros de magos galegos e internacionais. Nas próximas semanas informarase do programa completo.

Pechando o mes e como preludio á noite de defuntos, o auditorio de Bertamiráns, acollerá o venres 31, ás 20.30 horas,a peza de Producións Teatrais Excéntricas “Mofa e Befa. Os Dous de Sempre. O Regreso”.

Programación para novembro

O protagonista no mes de novembro será para o sétimo arte, o cine. Deste xeito, o venres 7, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, terá lugar a proxección do filme “Antes de Nós”, dirixida por Ángeles Huerta con Xoán Fórneas e Cris Iglesias. A continuación, o xoves 13, proxectarase a curtametraxe de Alicia Úbeda, “Ratiña”, nesta ocasión, ás 20.00 horas, no Milladoiro.

Na fin de semana do 14 ao 16 de novembro, terá lugar unha nova edición do Festival internacional de cine infantil e familiar, Cinema Miúdo, para promover o gusto polo cinema en galego entre as crianzas.

Na semana do 17 ao 23, será a quenda da celebración de Santa Icía, a patroa dos músicos. Deste modo, ao longo de toda a semana haberá diferentes propostas musicais, que tamén serán anunciadas proximamente.

Pechando a programación do Ames Cultural para estes dous meses de outono, o auditorio de Bertamiráns acollerá o venres 28, ás 20.00 horas, a representación de “Guerra”, unha peza de Teatro do Noroeste.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *