AD

Comarca

Ames presenta a programación infantil con Apego para o primeiro semestre deste 2026

today30 enero, 2026

Fondo
share close
AD

Música, teatro, circo ou conta contos serán algunhas das actividades desta programación que ten como obxectivo achegar aos máis pequenos e pequenas á nosa cultura

A programación comeza o venres 6 de febreiro e clausurarase coa VII Festa do Apego, con actividades e recursos para gozar da festa en familia e favorecer a socialización e a crianza en galego

Ames, 30 de xaneiro de 2026.- O Concello de Ames presentou esta mañá, na Casa do Concello en Bertamiráns, unha ampla e variada programación con Apego para a primeira metade de 2026. O obxectivo central de todas estas actividades é achegarlles recursos ás familias que faciliten a transmisión da lingua e favorezan unha crianza positiva e con moito apego polo noso. A programación abre o vindeiro venres, 6 de febreiro, co concerto-presentación do novo disco da Gramola Gominola, Parabéns para nós!, dirixido a un público familiar. Premendo nesta ligazón podes descargar a programación completa do programa infantil con Apego.

O Concello de Ames presenta a programación infantil con Apego para o primeiro semestre do 2026 na que colaboran os departamentos de Bibliotecas, Cultura e Normalización Lingüística. O programa inclúe arredor de 40 actividades dirixidas a familias con crianzas que se desenvolverán entre os meses de febreiro e xuño. Na ampla variedade de propostas inclúense actividades que van desde arrolos, concertos con música de diferentes estilos, obradoiros, teatro, contos, clown, unha foliada, xogos e unha festaza con moito Apego, todas elas co obxectivo de achegarlles ás familias recursos lúdicos, educativos e culturais que estimulen o coñecemento, a transmisión e o apego pola lingua.

No acto estiveron presentes e participaron o alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García; persoal do departamento de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras e María Hernando; e os representantes do grupo A Gramola Gominola, Paula Romero e Paco Cerdeira.

Dende o departamento de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras destacou que a programación infantil con Apego “ten como obxectivo achegar recursos ás familias que faciliten a transmisión da lingua e favorezan unha crianza positiva e creativa con moito apego polo noso” e que nela participan “diferentes departamentos do concello”. A programación “é variada, para todos os gustos e idades da primeira infancia” e abre cun arco da vella en forma de caracol, xa que, en palabras da técnica, “malia o mal tempo destes día, o sol vai volver saír”. “Chamamos por mil primaveras máis”, concluíu.

Unhas verbas que o alcalde, Blas García, quixo reforzar: “Dende o Concello de Ames seguimos traballando e facendo o que temos que facer: apoiar o noso, a nosa lingua”. Para o Concello “o idioma é o máis importante que temos na nosa cultura”, indicou o alcalde. Blas García fixo fincapé en que “cada vez hai menos falantes, polo que nós seguiremos apostando polas actividades que se fan dende o departamento de Normalización Lingüística para que os nosos pequenos e pequenas coñezan e falen o idioma”.

Pola súa banda, os integrantes da Gramola Gominola aproveitaron para desvelar o atractivo do seu concerto o próximo 6 de febreiro. “Para nós é un concerto moi especial porque é o noso décimo aniversario”, comentou Paula Romero, quen tamén anunciou que “durante a actuación vaise gravar en directo o quinto disco da Gramola Gominola titulado ‘Parabéns para nós!’. Recoller a enerxía dun directo dentro dun disco é un agasallo que lle facemos ao noso público”.

Programación do Apego para o primeiro semestre de 2026

A programación do Apego para este primeiro semestre do ano 2026 arranca, precisamente, o próximo venres 6 de febreiro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns co concerto-presentación do novo disco da Gramola Gominola, titulado Parabéns para nós!, co que o grupo festexa por todo o alto o seu décimo aniversario. Un concerto con música, humor e  rock&roll no que gozaremos dos temas máis coñecidos e máis reclamados polo público gramoleiro con mensaxes a  prol da igualdade, da lingua, do ecoloxismo e da educación. Para poder acudir deberase facer unha inscrición previa dende o 31 de xaneiro ao 5 de febreiro enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.

No mes de febreiro, os cativos e cativas tamén poderán participar do espectáculo de clown, Peter Punk e o neno imperdible, onde o pallaso Peter Punk, chegado do país de Nunca Máis, e o músico Brais das Hortas tratarán de descubrir que lle acontece a un pallaso cando o seu ego supera o seu propio nariz. Teatro, circo e música en directo xuntaranse o venres 20 de febreiro ás 18.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro.

Xa en marzo, a programación abre coa obra de teatro infantil Berenguela na gaiola, da compañía Galeatro Producións Escénicas, o venres 6, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Unha divertida e emotiva proposta teatral baseada nun texto de Manuel María e dirixida por Paula Carballeira. Unha semana despois, o venres 13, chega Garavanciña, unha peza teatral de Migallas Teatro con música en directo que trae a maxia dos contos clásicos con monicreques desde unha perspectiva feminista á Casa da Cultura do Milladoiro. Pecha o mes a adaptación doutro clásico con música orixinal en galego, O libro da selva: o musical, de Ártika Cía. Esta peza convida a reflexionar sobre a amizade, a identidade, a convivencia e o respecto á natureza e poderémola ver o venres 27, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.

En abril haberá dúas actividades. A primeira, o venres 10 na Casa da Cultura de Bertamiráns, será Arrolar e bailar, un obradoiro da Fundación Legar para reforzar os vínculos entre as crianzas máis pequenas e as persoas a través do canto e do baile. A segunda, o xoves 23 na Casa da Cultura do Milladoiro, Contos da Tribo, unha actividade de Cris de Caldas que combina conto contado, música, formación e exposición de libros para crear comunidade arredor da lectura.

O mes de maio arrancará o venres 8 con Aielé. De colo en colo, de canción en canción, un concerto de cancións orixinais de Golfiños inspiradas na tradición oral para crear un espazo cheo de xogo, música e diversión. O venres 22 será a quenda da Foliada con Apego, un encontro cheo de música de noso dirixido pola gaiteira Sabela Olivares. O mes finalizará o venres 29 co estimulante espectáculo teatral para crianzas Tilintilonia, de O Baúl da tía Tola.

Por último, en xuño, celebrarase a VII Festa do Apego o sábado 6, con actividades e recursos para gozar da festa en familia e favorecer a socialización e a crianza en galego. Pechando a programación, o sábado 13, a Casa da Cultura do Milladoiro acolle o concerto participativo A landra viaxeira e o amigo lambón, de Os Jalochos. As crianzas coñecerán a historia de Landra e a súa viaxe por Galicia nunha folla de carballo, xunto co seu amigo Lambón.

Os prazos de inscrición das distintas actividades pódense consultar no catálogo da programación. Así mesmo, para resolver dúbidas ou obter máis información pódese contactar co Servizo de Normalización Lingüística a través do enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal ou do número de teléfono 662 377 215. Para aquelas actividades dependentes da Concellaría de Cultura pódese escribir a cultura.milladoiro@concellodeames.gal.

Contos nas bibliotecas municipais

As bibliotecas municipais seguen con actividades de animación á lectura infantil. Así, acollerán vinte e catro sesións de Conto Contiño para rapazada de entre 3 e 8 anos, tanto na Biblioteca do Milladoiro como na de Bertamiráns, sempre ás 17:30 horas. Serán martes, mércores e xoves e para asistir cómpre inscribirse previamente enviando un correo ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal  ou a través dos teléfonos 981 884 829 (Biblioteca de Bertamiráns) e 981 530 807 (Biblioteca do Milladoiro).

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua

O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas, creativas e educativas.

As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *