Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Ames, 26 de marzo de 2026 – O Concello de Ames presentou esta mañá, a través do departamento de Bibliotecas municipais, a programación específica deste mes de abril para conmemorar o Mes do Libro. Durante este mes sucederanse contacontos, obradoiros, actividades do programa Apego, visitas escolares do alumnado da EEI do Milladoiro á biblioteca do Milladoiro, un concurso de debuxo infantil e a presentación do libro antolóxico cos textos premiados no XXII Certame literario. A maiores, organízase a V campaña Superlectores/as, que se vai desenvolver do 1 de abril ao 13 de outubro nas bibliotecas de Ames. Podes descargar a programación completa premendo na seguinte ligazón.
O mes de abril é, por excelencia, o Mes do Libro, pois o día 2 celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e o 23 é o Día Internacional do Libro. Como cada ano, ambas as dúas efemérides traen un mes de programación especial nas bibliotecas do concello de Ames. Desta volta, o mes do libro incluirá obradoiros, sesións de contacontos, encontros literarios, concursos de debuxo, teatro infantil, visitas escolares do alumnado da EEI do Milladoiro á biblioteca do Milladoiro, etc.
Esta mañá presentouse na biblioteca municipal do Milladoiro, a programación “Abril, mes do Libro en Ames”, elaborada polo departamento de Bibliotecas municipais, e que conta coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística. Ao acto asistiron o alcalde e responsable do departamento de Bibliotecas, Blas García; e maila animadora á lectura das bibliotecas municipais, Divina Fernández.
O alcalde de Ames e responsable de Bibliotecas, Blas García, puxo en valor “o traballo que se fai nas bibliotecas grazas a estas actividades, que animan a todos e todas a meternos no mundo do libro, pero sobre todo aos máis cativos e cativas”. O alcalde sinalou que “as bibliotecas de Ames levan xa moito tempo asentadas” e destacou que “o traballo máis importante que fan é achegar a cultura á veciñanza de Ames”. “Nos temps que corren, ler é algo moi valioso”, reflexionou García.
Pola súa banda, a animadora á lectura das bibliotecas municipais, Divina Fernández, suliñou a importancia que ten este mes para o mundo do libro e as bibliotecas: “en abril facemos unha programación especial para conmemorar estes dous días importantes, como son o Día do Libro e o Día do Libro Infantil”. Un programa de actividades, destacou, “máis extenso con respecto a outros meses”. Tamén quixo destacar a importancia que teñen as visitas de escolares durante esta conmemoración, chegando a ter “ata dúas visitas algúns días”.
Presentacións literarias
A programación do Mes do Libro arrancará o vindeiro mércores 8 de abril, ás 18.00 horas, na Biblioteca do Milladoiro coa presentación do libro infantil El corazón sensible, escrito pola autora galega Yolanda Penas Varela, ilustrado por Bertardo Koiti Tan e editado pola editorial Apuleyo. Diversidade, emocións e valores son algunhas das denominacións que describen a obra.
Esta peza aborda a historia de Nía, unha nena cunha sensibilidade profunda que transmite unha visión do mundo achegada e inspiradora para todos nenos e nenas con alta sensibilidade. Ademais de presentarse no Milladoiro, tamén se fará na Biblioteca de Bertamiráns, o mércores 28 de abril, ás 18.00 horas.
Seguindo coas presentacións, o sábado 11 de abril, ás 12.30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, terá lugar a mostra do libro antolóxico con todos os textos premiados no XXII Certame Literario Concello de Ames, a edición celebrada o ano pasado deste consolidado concurso literario.
Contacontos Animais comellóns
Logo das presentacións chegarán os contacontos. Este ano, a obra escollida é Animais comellóns, que estará o martes 14, mércores 15 e xoves 16 de abril, ás 17.30 horas, na Biblioteca de Bertamiráns. Tamén pasará pola Biblioteca do Milladoiro unha semana despois: o martes 21, o mércores 22 e o xoves 23 de abril, tamén ás 17.30 horas.
Os contacontos están dirixidos a cativos e cativas de entre 3 e 8 anos e para participar nesta actividade é necesaria unha inscrición previa. Para anotarse, as familias interesadas deberán chamar aos números de teléfono 981 884 829 ou 981 530 807. Tamén poderán apuntarse mediante o enderezo electrónico bibliotecas@concellodeames.gal.
Programa Apego
Outra das actividades deste Mes do Libro estará enmarcada na programación infantil con Apego. O 23 de abril, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, chega Contos da tribo, unha actividade de Cris de Caldas que combina conto contado, música, formación e exposición de libros para crear comunidade arredor da lectura. Todo, dirixido a familias con crianzas co obxectivo de crear apego polo idioma e a cultura de noso.
Este programa inclúe arredor de 40 actividades nas que colaboran os departamentos de Bibliotecas, Cultura e Normalización Lingüística e que desenvolverán entre os meses de febreiro e xuño. Podes consultar a programación completa na seguinte ligazón.
Obradoiros
Cal é o teu libro favorito? será o obradoiro temático enfocado ao mundo do libro deste ano. Enmarcado dentro das actividades do departamento de Bibliotecas, este obradoiro abordará a lectura a través das manualidades, potenciando a imaxinación dos máis cativos e cativas. Será o venres 24, ás 17.00 horas, na Biblioteca do Milladoiro, e o sábado 25, ás 11.30 horas, na Biblioteca de Bertamiráns.
A actividade está dirixida a nenos e nenas a partir de 3º de primaria. Para participar, é necesario inscribirse no 981 884 829 / 981 530 807 ou no enderezo de correo electrónico biblioteca@concellodeames. Gal, indicando nome, apelidos, curso, idade e un número de teléfono de contacto. O prazo estará aberto dende o 13 ata o 21 de abril.
Máis actividades no Mes do Libro
Ademais destas actividades, no Mes do Libro volverá o Concurso de debuxo infantil, na súa quinta edición. Do 16 de marzo ao 17 de abril, os rapaces e rapazas dende 1º de primaria ata 4º da E.S.O. poderán entregar os seus debuxos sobre o libro e a lectura, ben nas bibliotecas municipais ou ben no enderezo de correo biblioteca@concellodeames.gal. O 23 de abril será a entrega de premios.
Outra das propostas, tamén na súa quinta edición, será a campaña Superlectores/as. Do 1 de abril ao 13 de outubro, as interesados en participar poderán recoller a súa tarxeta nas bibliotecas, acumular selos e entrar nun sorteo dun lote de libro. Haberá dúas categorías: infantil, para menores de 14 anos; e adultos, para maiores de 14 anos. Os premios serán outorgados o próximo 24 de outubro, en conmemoración do Día da Biblioteca.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)