AD

Actualidad

Ames presenta o variado programa de actividades deste Nadal

today5 diciembre, 2025

Fondo
share close
AD

É un programa variado e diverso no que traballaron conxuntamente todos os departamentos municipais

As Prebadaladas, o Tardeo e o Mercado de Nadal son algunhas das novidades máis destacadas dun cartel con moita oferta lúdica e depotiva

Ames, 5 de decembro de 2025.- Ames presentou esta mañá na Casa do Concello a súa programación para as festas de Nadal deste ano. O programa, organizado por varios departamentos municipais, inclúe múltiples actividades dirixidas a todo tipo de públicos, que se desenvolverán ao longo do mes de decembro e comezos de xaneiro. Algunhas das novidades son a ampliación das Prebadaladas co Tardeo e a posterior Festa de Fin de Ano e o Mercado de Nadal da praza da Maía. Premendo nesta ligazón podes ver a programación completa deste Nadal.

A programación de Nadal do Concello de Ames xa deu comezo esta primeira semana de decembro co acendido das luces e rematará nun mes, o día 10 de xaneiro, co Concerto de Reis. Durante este período haberá unha morea de actividades, como probas deportivas, concertos, relatorios e demais eventos relacionados co Nadal para todos os públicos e idades.

Entre os pratos fortes da programación atópanse as Prebadaladas, Tardeo e posterior Festa de Fin de Ano o día 31; o novo Mercado de Nadal da praza da Maía; a recepción a Papá Noel ou a Cabalgata de Reis. As actuacións musicais tamén serán recorrentes nesta programación, con recitais como o Concerto de Nadal dos grupos de música tradicional de Ames, o sábado 20 de decembro, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns; ou o concerto de Anxo Gómez, o venres 9 de xaneiro, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Tamén haberá unha chocolatada o xoves 11, de 19.00 a 21.00 horas, no aparcadoiro do Supercor do Milladoiro, ao carón da árbore de Nadal.

As actividades da Aula da Natureza tamén volverán ter o seu oco na programación de Nadal de 2025. Nesta ocasión, co obradoiro Botiquín Natural de Inverno, o sábado 20, de 10.30 a 13.30 horas. Un talller no que se ensinará a realizar menciñas tradicionais utilizando recursos naturais do noso redor.

Durante a presentación o alcalde de Ames, Blas García, explicou que “se trata dun programa variado e diverso no que traballaron conxuntamente todos os departamentos municipais”. Así mesmo, destacou “a incorporación do Mercado de Nadal que se vai celebrar na praza da Maía, en Bertamiráns, os días 19, 20 e 21 de decembro, e mailas festas de Tardeo e Fin de Ano, que se unen as tradicionais Prebadaladas o día 31 de decembro. Ademais, como nos últimos anos recibiremos a visita de Papá Noel no Milladoiro e Bertamiráns, haberá recepcións reais e mailas cabalgatas e festa de Reis, tamén en ambos núcleos urbanos”.

Mercado de Nadal
Os días 19, 20 e 21 de decembro, a praza da Maía acollerá a primeira edición do Mercado de Nadal cun total de 18 postos: 12 de artesanía, situados nos laterais do mercado e 6 postos nas zonas centrais para alimentación e produtos da horta. Con este mercado búscase crear un ambiente festivo nas rúas.

O Mercado de Nadal abrirá o venres 19 pola tarde, en horario de 17.00 a 20.30 horas. O sábado 20 e o domingo 21 de decembro, abrirá en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas, e de tarde, de 17.00 a 20.30 horas. Cómpre destacar que o mercado contará cun dispositivo de vixilancia de seguridade nas horas de peche, polo que os propios expositores poderán decidir se deixar a mercancía nos postos ou non.

Actividades para os máis pequenos
Dadas as datas, unha boa parte do cartel está destinado aos máis cativos. O Nadal quedará inaugurado para eles co ciclo de Contacontos de Nadal na bibliotecas de Bertamiráns e O Milladoiro, os días 9, 10 e 11, e 16, 17 e 18, respectivamente, ás 17.30 horas, e a Visita do Apalpador á Casa da Cultura de Bertamiráns o venres 12 ás 18.00 horas.

Ademais do Apalpador, os nenos e nenas amesás tamén recibirán a visita especial de Papá Noel no concello. Deixarase ver na Casa da Cultura do Milladoiro o luns 22 de decembro de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas, e o martes 23 na Casa dos Maiores no mesmo horario.

Outro ano máis, tamén haberá visita das principais personaxes de Disney polas rúas do concello. O primeiro encontro será o luns 29 de decembro na Casa dos Maiores de Bertamiráns, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas, e ao día seguinte farán o propio na Casa da Cultura do Milladoiro no mesmo horario.

A guinda á programación infantil porana os Reis Magos. A fin de semana do sábado 3 e o domingo 4 de xaneiro, os Reis farán unha Recepción Real no Milladoiro e en Bertamiráns, de 11.00 a 13.30 horas e de 17.00 a 19.30 horas, previa á visita ás parroquias que farán o luns 5 de xaneiro de 10.00 a 13.00 horas. Ese mesmo día, serán as Cabalgatas: ás 17.00 horas no Milladoiro e ás 19.00 horas en Bertamiráns. Despois, festa de Reis nos pavillóns.

Actividades deportivas
As actividades deportivas terán moito peso durante esta época de Nadal. O próximo sábado 6 de decembro, a partir das 10.00 horas, arranca unha nova edición da Ames Cup de fútbol 8 no campo municipal de Bertamiráns para as categorías prebenxamín, benxamín e alevín.

O torneo, organizado polo Bertamiráns F.C. coa colaboración do Concello de Ames, estará dividido en tres días de competición: o sábado 6 xogaranse os partidos da categoría benxamín, o domingo 7 será a quenda da categoría prebenxamín, e o luns 8 pecharán o campionato os nenos e nenas da categoría alevín.

O tenis tamén terá o seu oco durante as festas de Nadal. O domingo 14 de decembro, o departamento de Deportes do Concello de Ames ofrece o torneo de minitenis “Tenis na rúa” que se disputará no Aero Club de 16.00 a 20.00 horas.

Por último, a programación deportiva estará cuberta con tres interesantes competicións: por un lado, a XVIII Carreira Ciclista do Pavo máis xincanas ciclistas, o domingo 21, ás 11.00 horas, en Bertamiráns; e seguidamente celebrarase o Campionato de Marcha no Milladoiro, o domingo 28, ás 10.45 horas. O deporte de Nadal finalizará coa Gladiator Kids O Milladoiro, o sábado 3 de xaneiro, ás 16.30 horas, na área deportiva do Milladoiro.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *