Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today16 octubre, 2025
Esta mañá o Concello de Ames informou da denuncia que vén de presentar ante a Fiscalía de Medio Ambiente polo vertido no río Sar. Esta actuación súmase ás denuncias presentadas ante o Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) e a Policía Autonómica
Segundo o alcalde de Ames, Blas García, trátase “dun atentado medio ambiental moi grave e ante a pasividade e abandono da maioría das administracións competentes nesta materia decidimos presentar unha denuncia na Fiscalía de Medio Ambiente”
Ademais, o rexedor municipal incidiu en que o río Sar, ao seu paso por Bertamiráns, está incluído dentro da Rede Natura 2000, polo que este vertido está afectando a unha zona do río Sar de alta importancia ecolóxica
Dende hoxe, os técnicos de Augas de Ames están realizando analíticas en dous puntos do río en distintas horas do día para dispor de máis datos sobre vertido
Ames, 16 de outubro de 2025.- Esta mañá o Concello de Ames informou da denuncia que vén de presentar ante a Fiscalía de Medio Ambiente polo vertido no río Sar. Esta actuación súmase ás denuncias presentadas ante o Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) e a Policía Autonómica. Segundo o alcalde de Ames, Blas García, trátase “dun atentado medio ambiental moi grave e ante a pasividade e abandono da maioría das administracións competentes nesta materia decidimos presentar unha denuncia na Fiscalía de Medio Ambiente”. Ademais, o rexedor municipal incidiu en que o río Sar, ao seu paso por Bertamiráns, está incluído dentro da Rede Natura 2000, polo que este vertido está afectando a unha zona do río Sar de alta importancia ecolóxica. Dende hoxe, os técnicos de Augas de Ames están realizando analíticas en dous puntos do río en distintas horas do día para dispor de máis datos sobre vertido.
O alcalde, Blas García, e o concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo, compareceron esta mañá ante os medios de comunicación nunha visita ao río Sar, no lugar da Condomiña, para informar das últimas accións realizadas polo Concello de Ames en relación ao vertido no río Sar. Estiveron acompañados do concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, e da concelleira de Benestar Social, Uxía García.
Blas García comezou explicando que “levamos tempo detectando que se estaba vertendo ao río Sar, pero isto agravouse nos últimos días, de tal maneira que se pode comprobar vendo como está na actualidade o caudal do río. Levamos denunciando ou avisando desta situación desde o domingo pola noite, cando nos chega o primeiro aviso do 112 e de varios veciños e veciñas que chaman por teléfono á Policía Local e a Augas de Galicia. Debido a esta situación, o domingo, a empresa municipal, Augas de Ames, fai unha inspección do río Sar ao paso polo concello de Ames, e desde ese momento poñémonos en contacto coas distintas administracións, sin obter resposta por ningunha delas ata o día de hoxe, que nos chegou unha comunicación da Consellería de Presidencia”.
Segundo dixo o rexedor municipal “o informe da Policía Autonómica, recibido hoxe, ratifica, o que todos sabemos, que hai un vertido, que certifican con fotos que xa chegou a Padrón, algo que xa sabíamos porque falei co alcalde de Padrón, e tamén certifican que o xerente da UTE lle di que teñen permiso de Augas de Galicia para facer un vertido normal. Un vertido que pode facer unha depuradora normal, pero isto non é o que está sucedendo nos últimos días. Debido a isto, e ante a pasividade e abandono da maioría das administracións, decidimos presentar unha denuncia na Fiscalía de Medio Ambiente”.
Denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente
Deste xeito, o Concello de Ames presentou esta mañá unha denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente, dando traslado de toda a información e todos os informes de Augas de Galicia, a denuncia presentada no SEPRONA e o plan de obra da EDAR de Silvouta, no que se recolle que non se pode verter nada ao río.
Neste senso, o alcalde destacou que “este vertido, se en vez de vir da depuradora de Silvouta viñera dunha granxa, como pasou hai uns anos, seguramente tomaríanse medidas. Neste caso, que saibamos, non se tomou ningún tipo de medida correctora, nin se nos informou, polo menos, ao Concello de Ames, e ao resto dos concellos, porque estes días falei cos alcaldes de Brión, Rois e Padrón, e están na mesma situación que nós, de descoñecemento e falta de información total. Agardamos que agora a Fiscalía actúe e se depuren as responsabilidades. Non se pode permitir nos tempos que estamos, nin por parte de Augas de Galicia, nin por parte de Acuaes, nin por parte de ningunha administración, esta pasividade e abandono, porque o río Sar xa era un dos ríos máis contaminados, pero a pouca fauna que quedaba está morrendo”.
Por outra banda, o Concello de Ames vai a enviar outro escrito á Consellería de Medio Ambiente preguntando cal vai ser o tratamento ou as medidas correctoras que se van adoptar para paliar a actual situación do caudal do río Sar. Segundo manifestou Blas García, “séguese vertendo ao río Sar e creemos que non se está actuando, o que pedimos é que se actúe e se deixe de verter de inmediato, porque todas as informacións que nos chegan, das cales non temos informes, é que van a seguir vertendo durante moito tempo, ou esa é previsión que teñen, porque a parte nova da EDAR de Silvouta está entrando en carga e isto provoca que se estean vertendo directamente miles de litros ao río. Volverei a falar hoxe cos alcaldes dos concellos afectados para saber se se queren sumar a esta denuncia ante a Fiscalía ou queren presentar a súa propia denuncia. Isto vai moito máis alá do río Sar porque xa está chegando ao Ulla. Tamén teño que dicir que estivemos estes días en comunicación coa Plataforma pola recuperación do SAR e seguramente tamén teñamos que contactar coa Plataforma en defensa da Ría de Arousa”.
Posibles causas do vertido
O concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, tamén explicou que foi o domingo pola tarde cando comezaron a recibir as primeiras queixas veciñais pola presenza dun cheiro moi forte. “Desde ese momento, o que se fixo dende o Concello, a través da empresa de Augas de Ames, foi enviar a uns técnicos para ver como estaba o río aquí en Bertamiráns, e detectouse que había un vertido de grandes dimensións. Atoparon que había restos sólidos nas beiras do río, que había presenza de lodos e que as aguas estaban no estado nas que as estamos vendo agora. Nun momento inicial non se sabía de onde proviña ese vertido, aínda que si se sospeitaba a súa orixe”, aclarou.
Antelo subliñou que non houbo ningún tipo de contacto ou comunicación previa nin posterior por parte das administracións implicadas no vertido, neste caso Augas de Galicia e Concello de Santiago, co Concello de Ames, o que impediu coñecer novos datos ou información con respecto á situación.
O edil manifestou que o Concello de Ames foi poñéndose en contacto coas distintas administracións, entre elas Aguas de Galicia, Policía Autonómica ou SEPRONA, para poder chegar a coñecer a orixe do vertido que, finalmente, coñeceuse que procedía das obras da nova depuradora de Silvouta de Santiago. Nesa liña, Antelo apuntou que as causas do vertido poden ser “en que non se está a facer o correcto traslado entre a depuradora vella e a nova, non se sabe exactamente por unha mala praxe ou se os vertidos son consecuencia de realizar o traslado dunha depuradora a outra. De todos xeitos, o que si se sabe con certeza neste momento é que, a través dos diferentes informes que dispoñemos, non se realizaron unha serie de probas que precisamente evitarían este vertido. Noutro informe indican claramente que mentres non estivera funcionando ao 100% a nova depuradora, non se podería paralizar en ningún momento a vella depuradora xustamente para evitar o que aconteceu”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)