AD

Actualidad

Ames quenta motores para o Entroido: actividades do 14 ao 16 de febreiro

today14 enero, 2026

Fondo
share close
AD
  • A programación discorrerá entre o sábado 14 e o luns 16 de febreiro,  marcada polos concursos de disfraces
  • Durante os tres días tamén actuacións musicais para dinamizar as rúas durante a festividade

Ames, 14 de xaneiro de 2026.- O Concello de Ames, a través das concellaría de Promoción Económica, Cultura e Educación, e xunto coa participación da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), presentou esta mañá, na Casa da Cultura do Milladoiro, a programación deste Entroido 2026. A festa transcorrerá do sábado 14 ao luns 16 de febreiro cunha morea de actividades xa tradicionais no concello enfocadas ao público adulto e ao infantil, como os concursos de disfraces, cuxas bases poden ser consultadas na seguinte ligazón.

Durante a presentación desta mañá expuxéronse os puntos clave que sosterán a festa do entroido deste ano 2026. Unha festa que, en palabras da primeira tenente de alcalde, Susana Señorís, “é unha celebración que xa forma parte dos amesáns e amesás”, xa que “enche a rúa de cor, música, humor e convivencia, cun programa pensado para desfrutar en familia, apoiar o comercio local e manter vivas as tradicións”.

Palabras que secundou a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, declarando que é “unha actividade moi bonita que vai encher as rúas de dinamismo e vida”. A concelleira quixo poñer en valor esta festa, a cal sempre conta cunha gran acollida por parte de toda a veciñanza, e estreitar lazos co comercio local, indicando que un dos obxectivos do concello é “dinamizar as rúas para axudar ao noso comercio e hostalería”.

O entroido é tamén un espazo onde as actividades infantís teñen especial relevancia. A concelleira de Educación, Beatriz Martínez, desvelou que este ano púxose “especial coidado para os pequenos e pequenas” e fixo fincapé en que o Entroido “é tamén unha oportunidade educativa, onde o xogo, a creatividade e a convivencia van da man”.

Programación de Entroido

O Entroido dará comezo no Concello de Ames o sábado 14 de febreiro. Dende as 16.30 a charanga Os Celtas serán os encargados de amenizar a festa polas rúas do Concello, antes de que, ás 17.00 horas, a asociación de baile de Bertamiráns, Danzaya, exhiba os seus mellores pasos na Praza da Mahía.

Xa o domingo, chegará a quenda do concurso de disfraces e o desfile no Milladoiro. Nesta edición haberá tres categorías: a individual, para unha ou dúas persoas, e que terá premios de 100€ para o primeiro clasificado, 75€ para o segundo e 50€ para o terceiro; grupos de entre 3 e 10 persoas, con premios de 300€ para o primeiro clasificado, 200€ para o segundo e 100€ para o terceiro; e grupos grandes de máis de 10 persoas, con premios de 500€ para o primeiro clasificado, 300€ para o segundo e 150€ para o terceiro.

O desfile dará comezo ás 17.00 horas dende o aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro e estará amenizado polo grupo Os Charangos de Neda. Ás 18.30 horas comezará a entrega de premios, tamén no aparcadoiro da Casa da Cultura, antes de dar paso ao fin de festa co Dúo Infinito, formado por dúas artistas mozas de Ames.

O luns tócalle aos máis pequenos lucir os seus disfraces. Os nenos e nenas de ata 12 anos poderán participar no concurso de disfraces infantil, que a diferenza do de maiores, só terá dúas categorías: individual, con premios de 100€ para o primeiro clasificado, 75€ para o segundo e 50€ para o terceiro; e en grupo, con 300€ para o primeiro clasificado, 200€ para o segundo e 100€ para o terceiro.

Inscricións para os concursos

Para poder participar tanto no concurso de adultos como no infantil, deberanse enviar as solicitudes ao enderezo de correo electrónico entroidoames@gmail.com ata o día 10 de febreiro. No caso das inscricións para o concurso infantil, tamén se aceptarán anotacións ata o propio día do desfile, mais non se poderá incluír música propia, facilitándolle aos nenos nesta situación música xeral. As bases para ambos concursos están publicadas na web e poden consultarse na seguinte ligazón para os adultos e nesta para os nenos.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *