Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today2 septiembre, 2025
Ames Radio pon un ano máis os seus micrófonos a disposición da cidadanía para a elaboración de programas de radio coa Radio Cidadá, polo que calquera persoa, asociación ou entidade pode presentar os seus proxectos desde hoxe e ata o día 21 de setembro
Aceptaranse proxectos presentados por entidades, asociacións ou persoas non empadroadas no concello, sempre que as súas propostas resulten de interese para o municipio amesán ou estean protagonizadas por persoas residentes, nadas ou que traballen en Ames
O proxecto de Radio Cidadá comezou en outubro de 2017 con dez programas realizados pola cidadanía
Ames, 2 de setembro de 2025.- Ames Radio pon un ano máis os seus micrófonos a disposición da cidadanía para a elaboración de programas de radio. Calquera persoa, asociación ou entidade pode presentar os seus proxectos desde hoxe e ata o día 21 de setembro enviando o impreso de solicitude ao correo electrónico radio@concellodeames.gal. Aceptaranse proxectos presentados por entidades, asociacións ou persoas non empadroadas no concello, sempre que as súas propostas resulten de interese para o municipio amesán ou estean protagonizadas por persoas residentes, nadas ou que traballen en Ames. Cada proxecto deberá ser presentado por unha persoa coordinadora que deberá ter un mínimo de 18 anos de idade. Pódense consultar todos os detalles nas bases que regulan a Radio Cidadá premendo nesta ligazón.
Poderán presentar propostas para a grella de Radio Cidadá asociacións e entidades do concello e calquera persoa maior de 18 anos ou de 16, neste último caso baixo a responsabilidade de algún dos seus proxenitores ou titores. Os interesados e interesadas deberán cubrir o impreso de solicitude indicando o título, obxectivos e descrición do programa, temas e público ao que vai dirixido, periodicidade, duración e día e hora de emisión suxerido.
Ames Radio pon a disposición da veciñanza o seu espazo físico, o equipamento e o persoal técnico necesario para a gravación dos programas seleccionados nos días e horas que se determinen. A emisión dos mesmos farase en función da grella de programación que aprobe a Comisión asesora de Comunicación do Concello de Ames, aínda que se procurará respectar no posible as propostas de emisión das persoas ou entidades propoñentes.
O proxecto de Radio Cidadá comezou en outubro de 2017 con dez programas realizados pola cidadanía. Neles, abordábanse temas tan diversos como a educación dos fillos, a diversidade cultural ou o patrimonio histórico e cultural do concello. Destes dez programas mantéñense en antena catro: Tangos de la esquina sur, Vivirmos nun mundo finito, De Museo e Miradas. Os dous primeiros (Tangos de la esquina sur e Vivirmos nun mundo finito) ao ser programas semanais levan 198 programas emitidos e están a piques de chegar aos 200 programas realizados.
15 programas durante a pasada tempada
Durante a pasada tempada emitíronse un total de 15 programas sobre música, historia, protocolo, benestar físico e emocional, mundo dixital, saúde, natureza e integración. Ademais, houbo programas sobre a prensa rosa, repaso da actualidade e da sociedade, de consultorio, volta ao pasado e sobre mulleres silenciadas ao longo da historia.
Mantivéronse dez das propostas, que xa se integraran na grella de edicións anteriores: Apuesta por el Rock and Roll, Vaide retro, De Museo, Miradas, O protocolo é para todos, Tangos de la esquina sur, Las carabelas del siglo XXI, Vivirmos nun mundo finito, La hora de la columna e El cuerpo que habitamos. Todas elas son espazos consolidados xa coñecidos pola audiencia de Ames Radio. Ademais, a pasada tempada houbo cinco novidades: Conta con Nós; Teresa & Cia; Voces invisibles; Ames en Dixital; e NaturAmes.
Para calquera dúbida os/as interesados/as poden poñerse en contacto con Ames Radio a través do correo electrónico radio@concellodeames.gal ou o nos teléfonos 981 890 452 e 662 377 413.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)