Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today20 junio, 2025
Brión prepárase para celebrar, este sábado, a clausura dun novo curso das Escolas Municipais de Música e Baile Tradicional, unha iniciativa que combina ensino, identidade e comunidade, e que, segundo a súa directora Ana Fernández, “segue medrando ano tras ano” con preto de 150 participantes de todas as idades.
Nunha conversa emitida en Radio Líder Santiago con Álvaro Veiga, Ana Fernández fixo un percorrido apaixonado pola realidade destas escolas. “Temos nenos, adultos e familias enteiras implicadas. É unha actividade que funciona a nada”, sinalou, destacando o respaldo do Concello de Brión como clave para a súa continuidade: “Cando hai unha entidade detrás, como é un Concello, pois as cousas facilítanse”.
As clases impártense nos locais sociais, na aula de ximnasia do colexio de Pedrouzos e mesmo ao aire libre cando o tempo acompaña. A aposta pola integración interxeracional tamén é unha das claves do éxito: “As pequenas teñen madriñas entre as maiores; e as nais tamén participan, coidando e botando unha man”.
A clausura, que terá lugar ás 11:30h no Pavillón Municipal, é “o noso día grande”, un momento agardado por todos os grupos, desde os máis cativos ata os adultos. “É o día no que todos se observan uns aos outros, aprenden, visten o traxe, e senten o orgullo de pertencer a algo”, explicou Fernández.
Pero alén da música e do baile, as escolas son tamén unha ferramenta de recuperación da lingua e identidade: “Dar clase en galego é fundamental. Falan galego nenos que nunca o falaron antes, e fano marabillosamente ben”, relatou, poñendo en valor o proxecto educativo de transmisión oral da cultura galega.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)