Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today4 febrero, 2026
O alumnado do IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos converteuse por un día en protagonista radiofónica entrevistando á artista plástica e docente Ana Isabel Álvarez Goyanes, no marco do programa Fala que Fala, emitido por Radio Líder.
Durante a conversa, conducida por dúas alumnas de segundo da ESO, Álvarez Goyanes fixo un percorrido pola súa traxectoria vital e profesional, lembrando os seus anos como profesora de Educación Plástica no centro, onde exerceu durante 14 anos. “O IES da Viña Rey é case como a miña casa; por circunstancias tiven que marchar, pero o meu corazón segue aquí”, afirmou a creadora, que recoñeceu sentirse especialmente emocionada por regresar ao centro no que desenvolveu boa parte da súa carreira docente.
A artista repasou tamén os seus inicios no mundo da arte e as dúbidas vocacionais que marcaron a súa etapa formativa. “Eu non tiña claro o que quería facer, dubidaba entre psicoloxía e Belas Artes, e ao final decanteime pola arte”, explicou, ao tempo que animou o alumnado a non abandonar nunca as súas inquietudes creativas: “Dedíquedes ao que vos dediquedes no futuro, non deixedes nunca aquilo que vos apaixona”.
Outro dos eixos da entrevista foi a súa evolución artística, que a levou do realismo á abstracción. A este respecto, destacou que o proceso creativo non sempre é racional nin planificado: “Hai obras que nacen dunha imaxe moi clara na cabeza, pero outras son totalmente impulsivas; vas pintando e deixando que a obra te leve”. Neste senso, defendeu a importancia de saír da zona de confort e asumir riscos na creación.
Especial relevancia tivo a explicación da serie Cortalumes, xurdida como resposta emocional aos incendios forestais e aos discursos de odio presentes na sociedade actual. “Os lumes non son só os que arden no monte; tamén hai lumes de intolerancia e de rexeitamento que se propagan todo o ano”, sinalou, definindo a súa obra como “un acto de resistencia” fronte a esas realidades.
Ao longo da entrevista, Álvarez Goyanes fixo tamén referencia ao papel da arte e da lingua galega na educación, subliñando a súa capacidade para conectar ás persoas dunha maneira auténtica. “As artes, e tamén a lingua, fannos mellores persoas, conéctannos cos demais e co entorno”, afirmou, advertindo de que, fronte á falsa hiperconexión das redes sociais, “a arte e o galego permítennos relacionarnos dunha forma moito máis sincera”.
A entrevista desenvolveuse nun ambiente próximo e participativo, poñendo en valor tanto a calidade das preguntas formuladas polo alumnado como a importancia de iniciativas que apostan pola difusión da cultura, da creación artística e da lingua galega entre a xente nova.
Escrito por Líder Redacción
Entrevista fala que fala galicia ies francisco daviña rey lingua galega monforte de lemos radio lider


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)