AD

Destacado

Ana Pontón acusa ao PP de “corrupción institucionalizada” e propón unha tarifa eléctrica galega e banca pública

today29 octubre, 2025

Fondo
share close
AD

 

A portavoz nacional do BNG participou nos “Desayunos do Gran Hotel Los Abetos”, emitidos por Radio Líder, nunha entrevista intensa onde abordou temas como a vivenda, a sanidade, o medio rural, a lingua, a economía e o modelo enerxético. Reivindicou políticas públicas para frear o declive demográfico, garantir servizos básicos e rematar co “abandono planificado” do rural.

Redacción, 29 de outubro de 2025.- Nun momento político determinante, coa vista posta nas eleccións autonómicas, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou nunha nova edición de “Los Desayunos del Gran Hotel Los Abetos”, o espazo de entrevistas políticas de Radio Líder conducido por Álvaro Veiga e coas intervencións dos xornalistas Carmen Chao (Antena 3 Galicia) e Antonio Lodeiro (Matinal Líder). A entrevista, celebrada no emblemático hotel compostelán, contou co patrocinio de M. Maroñas Correduría de Seguros, Ángel Mar Cetárea, Iconología Logística e Transportes e Grúas Estación.

Durante case hora e media, Pontón expuxo sen ambigüidades a súa diagnose da situación de Galicia, criticou con dureza a política do Partido Popular na Xunta e avanzou propostas que definen o proxecto político do BNG como alternativa real de goberno.

“Temos 90.000 vivendas baleiras e a Xunta prefire facer propaganda”

Ana Pontón afirmou que Galicia vive unha crise habitacional sen precedentes. A portavoz do BNG subliñou que os alugueiros aumentaron máis dun 50% en moitas zonas mentres os salarios seguen estancados, e advertiu que acceder a unha vivenda digna é hoxe “máis difícil que hai dous anos”.

A líder nacionalista acusou a Xunta de non exercer as competencias que ten para regular o mercado e de bloquear medidas como a declaración de zonas tensionadas. «En Santiago vetaron esa declaración. En vez de actuar, poñen paus nas rodas dos concellos que queren aplicar a lei», afirmou.

Pontón propuxo a posta en marcha dun plan de compra pública de vivendas baleiras para dedicalas a alugueiro social, denunciou a especulación no mercado inmobiliario e reclamou unha intervención firme por parte do Goberno galego.

«A vivenda é un dereito, non un ben especulativo. A Xunta debería actuar para mobilizar esas vivendas baleiras. O problema non é que non se poida facer, é que non se quere», sentenciou.

“Marcharon máis de 200.000 galegos e seguimos sen facer nada”

En relación coa crise demográfica, Pontón insistiu en que o problema non é só a natalidade, senón a falta de oportunidades para a mocidade. «Marcharon máis de 200.000 mozos galegos nos últimos anos. Non podemos permitir que o futuro de Galicia marche coas maletas», afirmou.

A portavoz do BNG defendeu a activación da economía produtiva, o desenvolvemento dos sectores estratéxicos (agrario, pesca, enerxías renovables e innovación), e políticas laborais que favorezan a estabilidade e a conciliación.

Tamén puxo o foco nas mulleres: «Sen igualdade real, moitas mulleres renuncian á maternidade porque as condicións laborais e sociais non o permiten. Iso tamén afecta á demografía».

Inmigración: “Galicia debe ser unha terra de acollida”

A respecto da inmigración, Pontón apostou por unha Galicia aberta, integradora e inclusiva. Rexeitou os discursos da extrema dereita e defendeu políticas públicas que favorezan a integración.

«Somos un país emigrante. Sabemos o que custa marchar e sabemos o que é chegar a un país diferente. Temos que ser unha terra de acollida, e temos exemplos como Murela, onde a convivencia é unha realidade sen conflitos», explicou.

Economía: banca pública, tarifa da luz e fondo soberano

No plano económico, Ana Pontón presentou tres medidas de forte impacto:

  • A transformación do IGAPE nun instituto galego de crédito, como paso previo á creación dunha banca pública.

  • A creación dun fondo soberano galego para investimento produtivo en sectores estratéxicos.

  • A implantación dunha tarifa eléctrica galega que abarate a factura da luz para persoas e empresas.

«Temos moito aforro, pero está investíndose fóra de Galicia. Temos a enerxía, pero pagámola máis cara ca en Madrid. É necesario cambiar este modelo. Galicia debe poñer os seus recursos ao servizo da súa xente», afirmou.

“Un neno con discapacidade ten dereito a un coidador, non á metade dun”

Pontón denunciou a situación que viven moitos centros educativos galegos, especialmente no que atinxe ao alumnado con necesidades educativas especiais. «Levamos ao Parlamento casos de nenos con discapacidades aos que se lles negaba un coidador. Iso nunha sociedade moderna é inaceptable», declarou.

Tamén criticou a redución de profesorado, a saturación das aulas e o malestar crecente na comunidade educativa. «Hai unha sobrecarga evidente e unha falta de recursos que está lastrando a calidade do ensino público», engadiu.

Incendios forestais: “Se non cambiamos o modelo, o do pasado verán foi só un aviso”

Un dos temas máis sensibles e emocionais da entrevista foi a vaga de incendios forestais vivida este verán en Galicia. Ana Pontón definiunos como “unha das maiores traxedias ambientais e humanas da nosa historia recente” e alertou de que a resposta institucional foi “inexistente”.

“O Goberno galego non estivo á altura antes, nin durante, nin despois dos lumes. E o máis grave é que non parece ter aprendido nada do que pasou”, afirmou con contundencia.

Pontón advertiu que a situación dos montes galegos é o resultado directo dunha política forestal fracasada e dun abandono deliberado do rural.

“Non só arde o monte. Arde a seguridade da xente, arde o noso patrimonio e arde a esperanza de moitas persoas que viven no interior de Galicia”, dixo.

Entre as medidas propostas polo BNG para facer fronte ao problema, destacou a necesidade de reformular o modelo forestal, avanzar cara a unha xestión sustentable, e reestruturar os dispositivos de prevención e extinción de incendios.

“Non pode ser que cada verán repitamos o mesmo drama. Hai que actuar con valentía: recuperar o territorio, poñelo a producir e darlle vida ao rural. Se non se fai nada, isto só foi un aviso do que vén co cambio climático”, advertiu.

“A corrupción do PP en Galicia está institucionalizada e silenciada”

Durante a conversa, Pontón tamén se referiu á corrupción política, acusando ao Partido Popular de actuar como un “aparato de poder que se mantén grazas a unha estrutura clientelar e opaca”.

Sen citar casos concretos, advertiu que “en Galicia tamén hai corrupción, pero está tan normalizada que moitas veces pasa desapercibida”.

Afirmou que a falta de transparencia, a designación a dedo de cargos e o uso partidista das institucións son prácticas sistemáticas do PP, e engadiu que “cando un goberno utiliza os recursos públicos para perpetuarse no poder, está corrompendo a democracia”.

“Estamos nunha situación de emerxencia lingüística”

A situación do idioma foi outro dos eixos centrais da intervención de Pontón, que criticou duramente a política lingüística da Xunta e alertou da perda progresiva de falantes, especialmente entre a mocidade.

“Estamos nunha situación de emerxencia lingüística, e isto non é unha opinión, é un feito baseado en estudos e datos oficiais”, declarou.

Sinalou que o decreto do plurilingüismo en vigor “converte o galego nunha lingua de segunda categoría” e que nos centros de ensino “menos dun terzo das materias se imparten na lingua propia do país”.

“Os nenos e nenas que entran na escola falando galego saen sen falalo. O sistema educativo, en lugar de protexer a lingua, está contribuíndo á súa desaparición”, afirmou.

Reclamou a derrogación inmediata do decreto e a posta en marcha dunha nova normativa que garanta a igualdade efectiva entre o galego e o castelán, así como unha maior presenza da lingua nos medios, na vida cultural e no lecer xuvenil.

“A CRTVG é hoxe un aparato de propaganda do PP”

Pontón expresou a súa preocupación pola situación dos medios públicos galegos, aos que acusou de estar “totalmente colonizados polo Partido Popular”.

“O PP converteu a CRTVG nun instrumento de propaganda, afastándoa da súa función de servizo público e plural”, denunciou.

Criticou especialmente a recente reforma legal impulsada pola Xunta para evitar un pacto parlamentario na elección da dirección do ente, permitindo que o goberno poida nomear á dirección “a dedo”.

“É escandaloso que cambien a lei só para manter o control político da televisión pública. Un goberno que fai iso está recoñecendo que non quere pluralidade, senón obediencia”.

Pontón apoiou a loita dos traballadores e traballadoras da CRTVG, simbolizada nos “venres negros”, que levan anos denunciando manipulación informativa e censura.

“Cada vez hai menos galegos que vexan a TVG porque non se senten representados. E iso é un fracaso democrático e cultural”, advertiu.

Reclamou unha reforma profunda do ente público para garantir a súa independencia, representatividade e función social. “Unha televisión pública debe representar a toda a sociedade, non só ao partido que goberna”, concluíu.

Economía e autogoberno: “Galicia ten dereito a pechar os seus ciclos produtivos”

Ana Pontón reiterou a visión económica do BNG baseada na soberanía produtiva, a xustiza social e a redistribución da riqueza xerada en Galicia. Denunciou que o modelo actual “extrativista” favorece aos grandes grupos empresariais fóra de Galicia, mentres aquí “se deixan os impactos e se exportan os beneficios”.

“Estamos fartas de que Galicia sexa unha colonia enerxética e fiscal. Temos recursos, talento e capacidade, pero seguimos sen poder pechar os nosos ciclos produtivos”, afirmou.

Como alternativa, propuxo:

  • A creación dunha banca pública galega a partir do IGAPE.

  • A posta en marcha dun fondo soberano galego para investimentos estratéxicos.

  • A implantación dunha tarifa eléctrica propia, adaptada á realidade galega.

Pontón tamén esixiu que se executen de inmediato as competencias recollidas no Estatuto de Autonomía, como a xestión das pensións, dos aeroportos ou do salvamento marítimo.

“Non se trata de reclamar por reclamar. Trátase de ter as ferramentas para construír un país con futuro. Galicia merece gobernarse a si mesma”, concluíu.

“Quero unha Galicia igualitaria, viva e con futuro”

Ao final da entrevista, e preguntada sobre como lle gustaría ver Galicia dentro de 50 anos, Ana Pontón respondeu cun ton emotivo e esperanzador: “Quero unha Galicia con igualdade real, sen violencia machista, onde os mozos e mozas non teñan que marchar e onde o noso potencial se transforme en benestar para a nosa xente”.

A portavoz nacionalista comprometeuse a seguir traballando por un país máis xusto, cohesionado e con capacidade de decisión propia.

“Galicia non está condenada a ser menos. Temos todo o necesario para avanzar: só falta vontade política e amor á nosa terra”, pechou.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *