Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 abril, 2026
9 de abril de 2026. Impulsado por Galicia Fórum Gastronómico desde 2014, o Premio Cociñeiro Galego chega este ano con moitas novidades. A primeira, a súa periodicidade, que pasa de bienal a anual, froito dunha decisión que, segundo a directora do evento, Ana Trevisani, “reforza o seu papel como escaparate do talento emerxente e como indicador da evolución da cociña galega”, ao celebrarse de forma independente ao Fórum Gastronómico, “aínda que continuará estando no seu programa nas edicións que coincida coa súa celebración”.
Ademais, nesta primeira edición independente do Fórum, o certame terá como escenario a cidade de Vigo, onde a gala na que se elixirá ao Cociñeiro Galego 2026 terá lugar o próximo 26 de maio.
O que non cambiará será o seu obxectivo e a súa propia dinámica de organización. Así, fiel á súa esencia, o galardón busca dar visibilidade a novos cociñeiros e cociñeiras de Galicia que desenvolvan o seu labor en restaurantes con menos de tres anos de traxectoria, e que aínda non recibisen recoñecementos de prestixio, e aposten polo uso de produtos de proximidade, unha cociña sostible e a difusión destes valores.
Tras a selección realizada por un xurado integrado por profesionais do sector, os finalistas desta edición son Mar Lago e Álex Martínez (Bacelo, Ferrol, A Coruña), Antón Castro (Casa Gaibor, Guitiriz, Lugo), Andrés Torreiro (D’Obra, Melide, A Coruña), Marcos S. Area (é restaurante, Marín, Pontevedra), e Antonio Novas (Trasmallo, Pontevedra).
Os cinco perfís seleccionados son, en palabras do xurado, “un reflexo do dinamismo que caracteriza á cociña galega actual, marcada polo respecto ao produto e unha estreita conexión co territorio”.
O mesmo que en anteriores edicións, o gañador decidirase mediante un sistema mixto que combina, a partes iguais, o voto do público e a valoración dun xurado profesional. As votacións populares abriranse hoxe xoves, día 9, e permanecerán activas ata o próximo 17 de maio a través da web www.galiciaforumgastronomico.com.
O nome do gañador darase a coñecer o próximo 26 de maio, no marco dunha gala que se celebrará ese mesmo día, ás 19.00 horas, no Auditorio Mar de Vigo, onde os candidatos terán que cociñar en directo un prato que sintetice a súa proposta gastronómica.
O Premio Cociñeiro Galego conta coa colaboración de A Paisaxe que sabe a través da Deputación da Coruña e o patrocinio de Gadis e Sammic.
En anteriores edicións, os gañadores foron Diego López (La Molinera, Lalín), Gorka Rodríguez (A Pulpeira de Melide, A Coruña), Jorge Gago (A Maceta, Santiago), Alén Tarrío (Pampín, Santiago), Moncho Méndez (Millo, A Coruña), Begoña Vázquez, de O Regueiro dá Cova en Verín, e Víctor Basante, de Arrueiro, en Laxe.
FINALISTAS 2026
Marcos S. Area (é restaurante, Marín, Pontevedra)
Marcos formouse en Pontevedra e adquiriu experiencia en cociñas de Europa. Ao volver levantou é restaurante sobre os cimentos da antiga casa familiar de pescadores dos seus bisavós. A súa cociña é “efémera, con produto local e alma galega” segundo as súas propias palabras. A carta adáptase, pois segundo temporalidade e dispoñibilidade do produto e a súa cociña posúe unha perspectiva contemporánea. A vaixela, creada por artesáns galegos, converte o menú nun paseo efémero por Galicia, onde tradición e vangarda dialogan na mesa.
Mar Lago y Álex Martínez (Bacelo, Ferrol, A Coruña)
Antes de abrir conxuntamente Bacelo, situado nos baixos dun antigo edificio de pedra, Álex e Mar adquiriron gran experiencia traballando por conta allea. Na súa cociña prima o produto local, de proximidade e de tempada, ofrecendo unha “cociña tradicional actualizada para compartir”, que lles fixo merecedores de mencións de prestixio. A súa carta fusiona sabores galegos con outras influencias e sempre ofrecen suxerencias fóra de carta segundo mercado.
Andrés Torreiro (D’Obra, Melide, A Coruña)
Traballou con Javi Olleros en Culler de Pau e con Andoni Luis Aduriz en Mugaritz, nos que adquiriu bagaxe profesional. Abriu o seu propio establecemento en pleno Camino Francés. A súa carta afástase a propósito do habitual ofrecendo unha cociña galega contemporánea con respecto ao produto e ao territorio e reinterpretacións modernas do receitario tradicional. A influencia dos seus mentores está patente. Combina sabores galegos con toques creativos.
Antón Castro (Casa Gaibor, Guitiriz, Lugo)
Lidera desde 2025 o negocio familiar que fundou o seu bisavó en 1950. Formouse en hostalería e traballou con recoñecidos chefs en distintos restaurantes; tamén adquiriu experiencia no sector dos queixos. Mantivo a esencia tradicional do local, pero converteuno nun espazo máis moderno e acolledor. A súa carta está formada por pratos clásicos galegos con propostas actuais centradas no produto e con especial presenza de ingredientes do mar.
Antonio Novas “Tonivas” (Trasmallo, Pontevedra)
“Tonivas” como é coñecido o chef, lidera un restaurante con alma mariñeira situado no corazón do casco antigo de Pontevedra. Natural de Cangas e de familia de pescadores, creceu co mar como parte fundamental da súa vida. Tras formarse en hostalería e traballar en diferentes restaurantes, abriu Trasmallo onde rende homenaxe aos seus antepasados a través da súa cociña, volvendo a inventar os sabores da infancia cun toque moderno e innovador. Destacan na súa carta os peixes menos valorados, aqueles que cociñaban antigamente.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)