AD

Comarca

Anxo Arca entrégalle o premio de teatro Maruxa Villanueva á arzuá Lidia Veiga

today9 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD

 

O alcalde resaltou a traxectoria da actriz arzuá e puxo en valor que na representación de ‘Tromso’ utilizasen a música en directo

Lidia Veiga agradece a dotación económica do premio e resalta que “co uso do galego doulle autenticidade e veracidade aos personaxes que interpreto”

Padrón. 8-11-2025.- O Auditorio municipal de Padrón acolleu este venres o acto de entrega do XXIV Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva, que recoñeceu o traballo da actriz arzuá Lidia Veiga pola súa interpretación na obra Iribarne. O evento contou coa presenza do alcalde, Anxo Arca, e da concelleira Mariló Saco, nunha xornada que formou parte do programa Outono Cultural 2025.

O galardón, convocado polo Concello de Padrón, pon en valor a traxectoria e o talento das e dos profesionais das artes escénicas galegas. O xurado destacou en Lidia Veiga a súa calidade e versatilidade interpretativa, así como a capacidade para construír personaxes con autenticidade e profundidade, mantendo a lingua galega como ferramenta de creación artística.

Anxo Arca entregoulle o premio a Lidia Veiga ao remate da representación da obra Tromsø, da compañía Teatro MoRRAconto, unha das propostas máis destacadas do Outono Cultural deste ano. Durante o acto, o público presente no auditorio tributou unha afectuosa ovación á protagonista principal da obra, Lidia Veiga, que suma este recoñecemento ao amplo percorrido da súa carreira teatral e audiovisual.

O alcalde Anxo Arca destacou a “importante traxectoria” de Lidia Veiga dentro da escena galega, e agradeceulle á compañía Morraconto que “apostase por introducir a música en directo” na representación de Tramso. “En Padrón estamos moi orgullosos do Premio Maruxa Villanueva e da importante oferta cultural que todos os anos poñemos en marcha”, dixo Anxo Arca, que lle desexou á actriz arzúa “moitos éxitos no futuro”.

Emocionada, Lidia Veiga deulle ás grazas ao concello de Padrón “por dotar este premio cunha partida económica, que será moi ben invertida en proxectos futuros”. Tamén lle agradeceu ao xurado a confianza depositada nunha moza coma ela e por resaltar o uso do galego como fórmula de elaboración interpretativa e artística.

“Sentinme moi representada coas palabras do xurado dicindo que poño en valor a miña lingua no carácter e profundidade de todos os meus personaxes. Sen o galego eu non lle daría a autenticidade e a veracidade as personaxes que interpreto”, asegurou Lidia Veiga. A actriz arzuá tamén lle agradeceu á súa familia tela criado en galego. “A miña lingua dáme moito traballo”, afirmou.

O xurado do XXIV Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva estivo presidido polo alcalde de Padrón, Anxo Arca, e integrado por profesionais de prestixio do ámbito teatral e literario galego: Inma López Silva, Carlos Caetano Biscainho Fernández, Afonso Becerra, Roberto Pascual e María Cruz Taboada.

O premio está dotado con 1.200 euros, un diploma acreditativo e unha figura coa imaxe da actriz padronesa que dá nome ao galardón. “Encántame esta escultura”, asegurou Lidia Veiga cando Anxo Arca lle entregou o busto de Maruxa Villanueva.

Con este recoñecemento, o Concello de Padrón reafirma o seu compromiso coa cultura e co apoio ao teatro galego, mantendo viva a memoria de Maruxa Villanueva e o seu legado artístico.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *