Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 marzo, 2026
• O alcalde de Padrón propón completar o irmandamento entre os tres concellos para reforzar a divulgación desta especie emblemática
• O acto incluíu unha emotiva homenaxe ao coleccionista Ramón Abalo, referente no cultivo desta especie
• A mostra celebrou o seu décimo aniversario consolidada como cita de referencia no calendario botánico e cultural galego
Padrón. 22-3-2026.- O Convento do Carme acolleu esta fin de semana a X Exposición da Camelia e do Bonsái, unha cita que celebra a súa primeira década de vida consolidada como un dos eventos máis representativos do calendario botánico e cultural de Galicia. A mostra, que reuniu arredor de 70 expositores de toda a comunidade, serviu para poñer en valor a excelencia ornamental desta flor e estreitar lazos institucionais entre concellos vinculados á súa tradición.
O acto inaugural, celebrado o sábado, estivo presidido polo alcalde de Padrón, Anxo Arca, quen estivo acompañado pola alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, o alcalde de Vedra, Carlos Martínez, e a concelleira Mariló Saco. Durante a súa intervención, o rexedor padronés explicou que Padrón e Vedra xa están irmandados arredor da camelia, do mesmo xeito que Vedra e Salceda de Caselas, polo que trasladou a vontade de avanzar cara a unha colaboración conxunta entre os tres municipios para completar o chamado triángulo galego desta flor: “Vedra e Padrón xa están irmandadas arredor da camelia e o desexo é que Salceda de Caselas se sume tamén para completar o triángulo galego desta flor e camiñar xuntos na súa divulgación”.
Un dos momentos máis emotivos da inauguración foi a homenaxe ao coleccionista Ramón Abalo, referente no cultivo da camelia e exemplo de dedicación e paixón por esta especie. Cunha colección única de centos de variedades, o seu traballo converteuno nunha figura moi recoñecida neste ámbito, polo que o recoñecemento supuxo un sincero xesto de gratitude colectiva cara á súa traxectoria.
Xa pola tarde celebrouse a entrega de premios, que puxo en valor o coidado e a excelencia das coleccións participantes nesta décima edición:
Premio Orixe Galega: Eusebio López
Premio á mellor composición artística: Joaquín Bello
Camelia híbrida: Ramón Abalo
Camelia reticulata: Abelardo Barcala
Outras especies de camelia: Juan José Castro e Carmen Moldes
Camelia xapónica: Pilar Bargiela
Mellor camelia escollida polo público: a número 11 de Geli Piñeiro
A programación, organizada por José Freire coa colaboración do Concello de Padrón, destacou pola súa diversidade e pola excelente acollida do público. O obradoiro de pintura tradicional xaponesa Sumi-e, impartido por Mar de la Corte, completou todas as prazas dispoñibles, confirmando o crecente interese polas propostas que unen arte e natureza.
A xornada dominical incluíu o escape room infantil A dama das Camelias, visitas guiadas e un obradoiro técnico sobre a poda e coidado de froiteiras, a cargo do enxeñeiro Alfonso Touceda, pechando unha edición que reafirma a Padrón como baluarte da cultura da camelia en Galicia.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)