AD

Actualidad

Arca: «A masiva asistencia ao derbi asnal apunta unha resposta clara, pero haberá enquisa»

today25 julio, 2025

Fondo
share close
AD

• Os irmáns Antonio e Manuel Cajaraville e Carlos e Uxío Beiró subiron, un ano máis, ao santo ata a capela do Santiaguiño
• Sabela e Noemí Duro, Paula Domínguez e Raquel Remiseiro portaron o San Xoán do Raio, e Félix Camiña, Suso Martínez, José Carlos Beiró e Paco Rodríguez a do San Antón
• O concello reparte un sombreiro conmemorativo e máis de 1.500 racións de sardiñas con bolos preñados, cachelos e pan de millo
• A procesión polas rúas do pobo e o ‘baile’ dos santos sorprende a turistas e peregrinos
• Os actos estiveron presididos polo alcalde, Anxo Arca, e o equipo de goberno padronés

Padrón. 25-7-2025.- Unha fin de semana ateigada de xente. Así celebrou Padrón os días grandes das festas do Santiaguiño. Este 25 de xullo foron milleiros as persoas que participaron na procesión e na romaría no monte San Gregorio, onde o Concello repartiu máis de 1.500 racións de sardiñas con bolo preñado, cachelos e broa.

E o xoves o paseo do Espolón encheuse de espectadores para presenciar o derbi asnal, organizado pola Asociación do Burro Fariñeiro (Abufa), que contou con 19 burros e 23 participantes.

O alcalde destacaba a masiva afluencia de “padroneses e padronesas, visitantes e ata peregrinos á romaría” no monte San Gregorio. “Este é un dos días grandes de Padrón”, aseguraba Anxo Arca, engadindo que “o Santiaguiño goza de boa saúde, temos o monte ateigado de xente nun día no que ata os santos bailan”.

A procesión do Parrandeiro (como se coñece á imaxe do Apóstolo Santiago) e os seis santos que o acompañaron percorrendo as rúas do casco histórico, cos seus tradicionais bailes, volveu sorprender a veciñanza e visitantes.

Este ano, como xa vén sendo tradicional, os irmáns Antonio e Manuel Cajaraville e Carlos e Uxío Beiró foron os encargados de portar a imaxe de Santiago Apóstolo (Manuel substituíu nesta ocasión a Juan Villamor), subindo ao santo polas 132 escaleiras ata a capela do Santiaguiño do Monte.

A imaxe de San Antón volveu ser unha das máis bailadoras durante a procesión polo casco histórico. Félix Camiña, Suso Martínez, José Carlos Beiró e Paco Rodríguez non deixaron de mover o santo ao ritmo da música do grupo Xoldra.

Unha das novidades desta edición foi que catro mozas encargáronse de portar a imaxe de San Xoán do Raio. Sabela e Noemí Duro, Raquel Domínguez e Paula Remiseiro non perderon o ritmo que ía marcando o San Antón e tamén estiveron bailando e movendo ao patrón de Padrón durante todo o percorrido.

Na procesión participaron tamén a imaxe do Neno Xesús, portada por nenos e nenas; a de Santa Lucía, a de San Martín e a de Santa Bárbara, que tamén estivo bailando durante boa parte do percorrido.

O alcalde, Anxo Arca, e todo o goberno padronés estiveron presidindo tanto a procesión como a subida ao monte do Santiaguiño. Pouco despois do mediodía, Anxo Arca e a concelleira de Festexos, Chus Campos, repartiron un sombreiro conmemorativo e as racións de sardiñas con bolo preñado, cachelos e pan de millo. En total, o Concello repartiu máis de 1.500 racións entre as persoas que formaron unha longa ringleira para degustalas.

Tras a misa solemne, cantada pola Coral Polifónica Padronesa, comezou a romaría, na que familiares e grupos de amigos compartiron un xantar popular nalgunhas das múltiples carpas instaladas no monte ou nas parcelas e mesas que cada quen preparou para compartir un día de festa.

Durante toda a tarde, a romaría do Santiaguiño estivo amenizada pola música popular que interpretaron os grupos de gaitas O Pedrón, Rosalía de Castro, San Pedro de Carcacía, A Arreixeira e Xoldra, que xa participaran na procesión e subida do santo ata o monte. A cativada tamén puido gozar de moitos xogos e sorpresas durante a tarde.

As sete, Antonio e Manuel Cajaraville e Carlos e Uxío Beiró volvían baixar a imaxe do Apóstolo Santiago ata a igrexa parroquial, onde permanecerá outro ano máis, ata a vindeira edición das festas do Santiaguiño do Monte.
Derbi asnal

O Derbi Asnal celebrado o xoves foi un éxito rotundo pola masiva afluencia de persoas que se achegaron ata o paseo do Espolón para asistir a unha proba “na que houbo un absoluto respecto polos animais”, aseguraba esta mañá Anxo Arca.

Un total de 19 burros e 23 participantes déronse cita nunha carreira tan divertida como emocionante, organizada pola Asociación do Burro Fariñeiro (Abufa), con control veterinario tanto por parte da entidade como do Concello, que contratou un profesional independente.

Na modalidade de montados, o gañador foi Sergio Freire con Dinamita, seguido de Antonio Aradas con Melendi e Andrés Pérez con Caprichoso. Os mesmos protagonistas impuxéronse tamén na modalidade con burro á man, compartindo protagonismo con visitantes chegados de Madrid, Sevilla ou Ciudad Real que tamén quixeron participar.

Anxo Arca destacaba esta mañá o absoluto respecto polos animais e o coidado co que se trataron, agradecendo o esforzo de Abufa neste senso. Preguntado pola enquisa que vai facer o Concello de Padrón para coñece a opinión da cidadanía para seguir mantendo estra tradicional proba, Anxo Arca sinalaba hoxe que “a enquisa vaise facer igual, pero tendo en conta a masiva asistencia á proba deste sábado de padroneses e visitantes, pensamos que a resposta está clara”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *