AD

Comarca

Arca e Sanmartín destacan a necesidade de entendemento na política para beneficiar á cidadanía

today6 abril, 2026

Fondo
share close
AD
  • Nas súas intervencións fixeron mención a colaboración de ambos concellos en materia de vivenda e de turismo e mobilidade sostible
  • O rexedor padronés resalta que por primeira vez nun século unha muller deseño o cartel das Festas de Pascua
  • A alcaldesa compostelá amosou o seu apoio ás dúas concelleiras que sufriron ataques machistas nas redes sociais
  • Padrón e Compostela volven reforzar os lazos de amizade durante o Día de Santiago nas festas de Pascua

Padrón. 6-4-2026.- A necesidade de manter o diálogo e o entendemento na política marcaron este luns de Pascua o Día de Santiago en Padrón, acto no que ambos concellos reforzan os seus lazos amizade. O alcalde padronés, Anxo Arca, e a súa homóloga compostelá, Goretti Sanmartín, volveron incidir no reto de “facer unha política ao servizo da poboación, chegando a acordos que beneficien á cidadanía”, para o que é necesario “o máximo respecto”, máis aló das diferencias ideolóxicas. “Temos que dar exemplo de saber convivir e de poder aprender uns dos outros”, afirmou o rexedor local.

Anxo Arca e Goretti Sanmartín puxeron como exemplo a relación entre os concellos de Padrón e de Santiago, que seguen a colaborar en materia de vivenda e de turismo e mobilidade sostible, entre outros aspectos.

Durante o acto, celebrado no salón de plenos cunha ampla representación das corporacións dos dous municipios, Anxo Arca lembrou que por primeira vez nun século “unha muller, a padronesa Ángela Ríos, foi a encargada de deseñar o cartel da Pascua de Padrón”, que tamén ilustra a portada do Libro da Pascua que lle entregou a Sanmartín como agasallo institucional. Tamén lle regalou un exemplar do libro Palmeiras piueiros, escrito por Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalia de Castro.

Goretti Sanmartín, pola súa banda, agasallou a Anxo Arca cunha estrela de once puntas, que representa a Santiago. A alcaldesa compostelá expresou tamén o seu apoio ás dúas concelleiras padronesas que foron vítimas de comentarios machistas nas redes sociais, contras as que o goberno local emprenderá accións legais.

Padrón e Santiago levan máis de 60 anos conmemorando o seu irmandamento, tanto nas festas de Pascua, cando a Corporación compostelá visita a capital do Sar, como nas do Apóstolo, nas que é a Corporación padronesa a que se despraza ata a capital de Galicia. Os vínculos que unen ámbolos pobos son moitos, dende os económicos, ata os culturais ou os relixiosos. Como exemplos,  Anxo Arca fixo mención a Rosalía de Castro, á Universidade e a Padrón como berce do Xacobeo.

Tras as intervencións, as dúas delegacións escoitaron dende o balcón do concello as intervencións das bandas de música de ambos municipios. O acto institucional pechouse co tradicional concerto da Banda de Música de Santiago na praza de Macías.

Multitudinarios concertos da Pascua

O luns de Pascua comezou co pasarrúas da Banda de Música de Padrón e continuará pola noite coas verbenas amenizadas polas orquestras Los Satélites e París de Noia.

O domingo pola noite Padrón viviu os concertos mais multitudinarios dos últimos anos, con milleiros de persoas polas rúas.

Se a praza de Macías estivo abarrotada de mozos e mozas que non quixeron perderse a actuación do muradán 9Louro, o mesmo aconteceu en Fondo de Vila, onde non quedou un oco libre para ver o trepidante espectáculo da orquestra Panorama. Xa de madrugada, o DJ Metrek fixo vibrar un paseo do Espolón tamén cheo de xente.

Mañá, martes 7 de abril, celébrase o Día de Rianxo en Padrón, coa recepción á Corporación rianxeira a partir das sete e media da tarde no paseo do Espolón. Pola noite, a verbena estará amenizada polas orquestras Charleston Big Band e Panorama City.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *