Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
A asociación, que leva dende o ano 2003 traballando pola inclusión en Ames, realiza o pregón inaugural do programa Ames en Festas”
O alcalde, Blas García loou o traballo realizado pola asociación e recoñeceu que “é a mellor elección que se podía facer. Arcea-Adames xa é unha institución ligada por sempre ao Milladoiro e ao Concello de Ames”
Ames, 3 de agosto de 2025.- O ‘Ames en Festas 2025’ acaba de comezar. Nesta edición do programa de festexos, no que xa se apostou desde un primeiro momento por ofrecer servizos para que as persoas con discapacidade poidan gozar das festas do mellor xeito posible, os pregoeiros das festas mantiveron a esencia inclusiva e diversa do ‘Ames en Festas 2025’.
Os encargados de realizar o pregón inicial das festas da Madalena, no Milladoiro, foron catro mozos da asociación Arcea-Adames: Martín Barreiro, Moncho Corral, José Manuel Fernández e Carlos Pais. Dende a entidade, acolleron con moita alegría a escolla do colectivo como pregoeiros das festas, “xa houbo interese previo outros anos por parte da comisión de festas e, este ano, deuse a oportunidade perfecta para que puideramos facela”.
O alcalde Blas García loou a escolla dos pregoeiros explicando que “era a mellor elección que se podía facer. Arcea-Adames é unha institución ligada por sempre ao Milladoiro e ao Concello de Ames, que leva máis de 20 anos traballando pola inclusión das persoas con discapacidade”.
Pola súa parte, Paula Segade, da comisión de festas do Milladoiro agradeceu ás empresas do Milladoiro “por colaborar cada ano na revista, tamén á Xuntanza de Empresarios de Ames, así como ao Concello de Ames e á Deputación da Coruña que, sen a súa colabaración este festexo non sería posible. Por último queremos agradecer a Asociación Arcea Adames que, sen dubidalo, quixeron formar parte deste inicio das festas de Milladoiro 2025 co pregón. Dende o equipo da comisión e demáis organizacións colaboradoras esperamos que desfrutedes destas festas que con tanto cariño facemos cada ano. Un aperta enorme e a desfrutar”.
PREGÓN:
“Ola, boas noites veciñanza do Milladoiro.
Tamén queremos darlle a benvida a todas as persoas que vides a desfrutar das festas do Milladoiro.
Aquí estamos todos xuntos un ano máis para celebrar as festas da Madalena.
En primeiro lugar, imos presentarnos: Somos José, Moncho, Martín, Óscar e Carlos. Somos membros da Asociación Arcea-Adames.
A nosa asociación leva dende o ano 2003 traballando no Milladoiro pola plena inclusión das persoas con discapacidade.
Somos veciñas e veciños de Ames, Teo e Santiago. Estamos a traballar ao carón da biblioteca, podedes vir visitarnos cando queirades e, se vides á hora de xantar, comemos no Ritrovo, que queda cerca do noso taller.
Queremos darlle as grazas á comisión de festas por pensar en nós para dar o pregón, fíxonos moita ilusión estar aquí con vós esta noite, especialmente a José Luís e a Rubén, que sempre nos teñen presentes. Tamén queremos saudar a todos os membros do Concello de Ames.
Nestes tempos de tecnoloxía e intelixencia artificial valoramos moitísimo que a veciñanza do Milladoiro sempre nos saúde e sexa cercana connosco. Fai falta máis conexión para seguir na integración.
Aproveitando que son as festas da nosa señora pedímoslle que nos axude para que a obra da nacional remate pronto e non chore como unha Madalena.
Moitas grazas e boas festas!”.
Pregón da Peregrina
Por outra parte, o pregón final das festas da Peregrina, en Bertamiráns, correrá a cargo de Ronald Rojas, inmigrante de Venezuela que leva xa varios anos residindo na localidade amesá. Dende a comisión de festas de Bertamiráns, buscouse “representar un dos temas máis de actualidade e que máis toca de preto ao noso municipio como é o da inmigración. O noso obxectivo era darlle un recoñecemento a unha parte moi importante da poboación de Ames e que se sintan tamén parte do municipio nuns días nos que o sentimento de comunidade é tan importante como son nas festas”, apuntou Miriam Souto, unha das representantes da comisión de festas de Bertamiráns.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)