AD

Actualidad

Arranca o período de inscrición do XVII Santiago(é)Tapas, que volverá en febreiro

today27 octubre, 2025

Fondo
share close
AD

A concelleira de Turismo, Miriam Louzao, anunciou no Pazo de Raxoi o inicio do período de inscrición do XVII Santiago(é)Tapas, concurso que promove e organiza Turismo de Santiago, co apoio da Deputación da Coruña, e que se celebrará do 19 de febreiro ao 8 de marzo de 2026.

Poderán participar todos aqueles locais de hostalaría situados no termo municipal de Santiago de Compostela que o desexen, sempre que estean en posesión das licenzas oportunas e dispoñan de espazo axeitado para o consumo no propio establecemento. Para facelo, dispoñen dun formulario online na páxina web santiagoetapas.gal, que estará aberto ata o mércores 7 de xaneiro (incluído).

O concurso segue a crecer ano tras ano no número de tapas consumidas, chegando na última edición ás 30.000 (fronte ás 25.000 do ano 2024) e superando nun 25% o número de votos válidos rexistrados polo público. A concelleira destacou que estes datos avalan a súa celebración por terceiro ano consecutivo no mes de febreiro e reafirman a Santiago(é)Tapas como un evento fundamental para a dinamización do sector en temporada baixa.

Café informativo 

Co obxectivo de seguir mellorando a experiencia tanto para o público como para os participantes, este ano actualizáronse as bases do certame. Búscase así consolidar o Santiago(é)Tapas como un referente dentro dos concursos de tapas que se celebran non só en Galicia, senón fóra das nosas fronteiras.

As novidades afectan ás categorías do concurso, que agora se dividen en tres principais, TRADICIONAL, CREATIVA e DOCE, mais cinco premios adicionais. Destes últimos, tres xa se viñan outorgando nos últimos anos (Mellor Tapa Maridada con Cervexa, Mellor Tapa Maridada con Viño e Mellor Tapa sen Glute) e outros dous serán incorporados nesta edición: Mellor Tapa Vexetariana ou Vegana e Mellor Tapa con ingrediente destacado con DOP ou IXP de Galicia ou similares..

As novas bases tamén inclúen criterios máis específicos de valoración, que poñerán o foco no concepto de tapa. O Xurado Técnico, acompañado de membros da Organización, explicará en profundidade estes cambios, nun café informativo que se celebrará o martes 25 de novembro de 17.30 a 19 hrs. no salón de actos do CIFP Compostela. Así mesmo, o Xurado dará algúns consellos e trucos para mellorar a produción e calidade das tapas presentadas, o que resultará de especial utilidade a todos aqueles locais que se presenten por vez primeira ao concurso. Para poder asistir a este café informativo hai que inscribirse a través dun formulario online na web santiagoetapas.gal

O XVII Santiago(é)Tapas, organizado e promovido por Turismo de Santiago e encadrado dentro da marca “Compostela Gastronómica”, conta co apoio da Deputación da Coruña e ten como patrocinador principal á empresa Hijos de Rivera, a través das súas marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá. Tamén colaboran co concurso a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), o Mercado de Abastos de Santiago, Cash Record, Café Dromedario, ACEGA (asociación de persoas celíacas de Galica) e o CIFP Compostela.

Toda a información está dispoñible na páxina web santiagoetapas.gal 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *