Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today16 abril, 2025
A actuación, cun orzamento de 37.772,79 € cofinanciado pola Axencia de Turismo de Galicia e o Concello de Arzúa, permitirá mellorar o acceso e acondicionar unha nova área de descanso nun dos espazos naturais máis emblemáticos do municipio
Arzúa, 15 de abril de 2025.- O Concello de Arzúa continúa coa súa aposta pola posta en valor dos recursos naturais e turísticos do municipio. Nesta ocasión, a través do departamento de Turismo, acometerá o acondicionamento dunha área de descanso situadana parroquia de Dombodán, concretamente na parte alta da baixada á Fervenza das Hortas, un dos espazos naturais máis destacados do territorio arzuán.
A actuación ten como obxectivo mellorar o estado actual deste punto de encontro, utilizado tanto polos sendeiristas que realizan a ruta da Fervenza das Hortas como polos turistas que se achegan a visitar este espazo singular. A zona, situada ao carón do núcleo das Hortas e lindante co Concello de Touro, presenta actualmente un mobiliario deteriorado e carece dun espazo adecuado para aparcadoiro e descanso.
O proxecto, cun investimento total de 37.772,79 €, será financiado maioritariamente pola Axencia de Turismo de Galicia, que achega 30.000 € a través das axudas para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas. O Concello de Arzúa asumirá a parte restante.
A concelleira de Turismo e Acción Urbana, Begoña Balado, destacou que “esta actuación responde ao compromiso do Concello coa mellora continua dos nosos recursos naturais, poñendo en valor un lugar tan emblemático como a Fervenza das Hortas e ofrecendo un espazo cómodo e accesible tanto para o descanso como para o desfrute turístico.”
Balado engadiu que “con iniciativas coma esta, seguimos avanzando cara unmodelo de turismo sustentable, que combina respecto pola natureza e mellora das infraestruturas ao servizo da veciñanza e das persoas que nos visitan.”
Actuacións previstas:
O acondicionamento contempla diferentes actuacións, entre as que destacan:
– Mellora do acceso dende a estrada CP-0605, con limpeza de gabias e da superficie
do viario, e posterior rebacheo con tratamento asfáltico na totalidade da plataforma.
– Creación dun espazo de aparcadoiro, mediante zahorra compactada e valado de
madeira na zona alta.
– Acondicionamento da área de descanso, dotándoa con novo mobiliario de madeira:
4 mesas con bancos, 1 banco illado, 1 pérgola, 1 panel informativo e 4 papeleiras.
– Preparación e limpeza dos noiros, incluíndo valado de madeira e plantación de 17
árbores autóctonas.
– Xestión de residuos conforme á normativa ambiental e lexislación vixente.
Prazo de execución
As obras teñen previsto un prazo de execución de dous meses, unha vez adxudicados os
traballos.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)