Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today18 enero, 2024
Xoves, 18 de xaneiro de 2024. Con motivo do Entroido 2024 o Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza dous concursos para fomentar a participación activa e a preservación destas tradicións.
Por unha banda, convócase un ano máis o tradicional concurso de disfraces para o domingo 4 de febreiro ás 17:00 horas no Multiusos Terra do Queixo con máis de dous mil euros en premios para repartir entre catro categorías.
Despois do éxito do ano pasado no que se achegaron a Arzúa máis de 350 participantes de distintos puntos de Galicia, sendo cifra récord de participación, este ano mantense a distribución das diferentes categorías e o formato no que se levou a cabo o concurso en anos anteriores. Poderanse presentar, polo tanto, comparsas dun mínimo de nove compoñentes optando a premios de 550, 300 e 150 euros. Haberá un apartado de grupos de entre dúas e oito persoas con tres premios que ascenden a 300, 200 e 120 euros. Por último, establécense dúas categorías individuais, unha infantil de 0 a 17 anos e outra para adultos de 18 anos en diante. Os premios son de 120 e 80 euros para os primeiros e segundos postos, respectivamente de cada modalidade.
Co fin de fomentar a participación local, mantense tamén o premio Simpatía dotado de 100 euros dirixido a unha comparsa ou grupo do municipio que non acadara ningún dos premios anteriores e que sume a maior puntuación no apartado simpatía da valoración do xurado.
Ademais, o concurso celebrarase de novo co público sentado e cos participantes facendo a súa intervención sobre escenario nunha gala que estará presentada polo humorista arzuán Xan Veiga.
Para participar no concurso hai que inscribirse previamente no Departamento de Cultura do Concello de Arzúa ou chamando ao 981500222 ata o 1 de febreiro, en horario de 8:30 a 14:00h.
Por outra banda, como novidade na programación deste ano, convócase un novo concurso e trátase dun certame de elaboración de mecos. Toda persoa ou colectivo pode facer o seu meco e enviar unha foto do mesmo ao correo cultura@concellodearzua.com antes do 8 de febreiro ás 14:00h. O meco deberá estar colocado nun lugar visible (balcón, galería, establecemento comercial, centro educativo…).
Haberá un prazo de votación popular no que para votar o meco favorito farase cun “gústame” na paxina de Facebook e Instagram do Departamento de Cultura do 9 ao 15 de febreiro. O día 16 de febreiro publicaranse os gañadores que se farán con tres premios dotados de 300, 120 e 80 euros para os tres máis votados.
Poden solicitar máis información ou consultar as bases que rexen os concursos no Departamento de Cultura ou na páxina web arzua.gal.
Dende o Departamento de Cultura anuncian que nos próximos días darase a coñecer a programación completa con todas as actividades que conformarán o entroido arzuán deste ano.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)