Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 noviembre, 2025
Arzúa, 6 de novembro de 2025.- A Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés vive un novo relevo na súa presidencia, que pasa de Triacastela a Arzúa. A concelleira de Turismo, Promoción Económica, Comercio e Acción Urbana de Arzúa, Begoña Balado, asume dende agora a presidencia da entidade, mentres que a vicepresidencia pasa a mans do Concello de Melide, representado polo tenente de alcalde Xosé Igrexas.
A dirección da mancomunidade renóvase cada dous anos por orde alfabética entre os once concellos membros.
A nova presidenta, Begoña Balado, afirmou que afronta esta nova etapa “con ilusión e responsabilidade, co compromiso de seguir traballando pola promoción do tramo galego do Camiño Francés e pola súa posta en valor como un dos itinerarios máis emblemáticos e transitados da ruta xacobea”. Engadiu que “é un reto moi importante para min, porque creo na promoción e no turismo, que son a miña paixón. É unha responsabilidade que asumo con orgullo e espero estar á altura dos anteriores presidentes, aos que quero agradecer o seu traballo”.
Balado destacou ademais que a Mancomunidade “é unha das entidades máis importantes do noso país, e quero recalcar o seu bo funcionamento, xa que nela colaboran once concellos de diferentes ideoloxías políticas, pero todos deixamos esas diferenzas á marxe. De aí o éxito e o bo entendemento que sempre caracterizou esta entidade”.
A presidenta avanzou tamén que entre os obxectivos inmediatos está “impulsar novas iniciativas que melloren a experiencia dos peregrinos e dean visibilidade aos recursos patrimoniais, naturais e gastronómicos de cada municipio”. Ademais, subliñou que “temos moitos proxectos e moitas sorpresas por diante, tanto para a promoción do Camiño como para dinamizar a actividade económica dos once concellos que forman parte da mancomunidade”.
Escrito por Líder Redacción
begoña balado Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés turismo


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)