AD

Actualidad

Arzúa bota a andar unha nova edición do programa Primavera de Cultura

today2 abril, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

  • O Concello organiza para os meses de abril e maio actividades arredor do Día do Libro e das Letras Galegas

Arzúa, 2 de abril de 2024. O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa, dirixido polo concelleiro José Luís García, organiza unha programación de actividades para os meses de abril e maio baixo o título Primavera de Cultura.

Trátase dun programa de actividades gratuítas e para todos os públicos que conta con propostas arredor do Día do Libro e das Letras Galegas.

A primeira actividade terá lugar este venres, 5 de abril, cun contacontos para conmemorar o Día do Libro Infantil e Xuvenil. Máis de corenta escolares de 5 anos participarán no espectáculo Contos da lúa da compañía Trécola Producións que se levará a cabo na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro nunha función escolar que comezará ás 11:30h.

Outra das propostas para o mes de abril chega o venres 19 coa celebración do 1º Encontro literario Arzúa Le na Capela da Madanela ás 20:00h. Trátase dunha mesa redonda sobre o proceso de creación literaria e publicación dunha obra. O acto, aberto ao público, será moderado polo coordinador do club de lectura municipal, José Manuel Pampín, e nel participarán a artista e tradutora Andrea Birsanu, a representante da editorial Cuarto de inverno, Andrea Jamardo, e o escritor Xosé Carlos Carracedo.

O sábado 20 a Casa da Cultura acollerá a partir das 20:00h un concerto a cargo da Rondalla Moraima de Arzúa e do Coro Voces da Terra de Vila de Cruces. Ao final do mesmo realizarase un sorteo de diversos libros entre todas as persoas asistentes.

Por outra banda, o martes 23, para celebrar o Día do Libro, porase en marcha de novo a campaña de fomento da lectura Arzúa Conta na que durante toda a xornada entregarase un agasallo con cada préstamo na biblioteca municipal ou con cada merca dun libro nas librarías locais.

A arte tamén ten presencia nesta programación cunha exposición colectiva en colaboración co colectivo artístico ARTE LUCET formado por nove artistas da pintura e da fotografía que expoñerán a súa obra na Capela da Madanela do 25 de abril ao 18 de maio en horario de 18:30 a 20:30 de xoves a sábados. A inauguración da mostra será o primeiro día, o xoves 25 de abril, ás 19:00h.

Para pechar o mes de abril, o sábado 27 terá lugar o acto de presentación da última novela da arzuá Ana González Rey. Presentará Alana na súa vila natal na Capela da Madanela ás 18:00.

A programación Primavera de cultura terá continuidade no mes de maio con varios eventos centrados especialmente na conmemoración do Día das Letras Galegas.

O concelleiro de cultura, José Luís García, destacaba esta mañá ter artellado unha programación para fomentar a cultura e o coñecemento das nosas Letras “cun amplo apoio ao tecido cultural local, contando cos distindos centros educativos, asociacións e artistas locais”. Ademais, fai un chamamento á participación a toda a veciñanza e especialmente “ás familias con nenos e nenas para involucralos na actividade cultural desde a infancia”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%