AD

Actualidad

Arzúa continúa a recuperación da área recreativa de Ribadiso co obxectivo de habilitar o baño

today6 marzo, 2026

Fondo
share close
AD
  • Técnicos de Augas de Galicia visitan a zona xunto á concelleira de Turismo, Begoña Balado, para avaliar sobre o terreo as actuacións necesarias no río Iso e no seu entorno

Arzúa, 06 de marzo de 2026.- A Concellería de Turismo do Concello de Arzúa, dirixida por Begoña Balado, continúa avanzando na recuperación da área recreativa de Ribadiso co obxectivo de habilitar este espazo para o baño. Neste marco, técnicos de Augas de Galicia desprazáronse recentemente ata a zona para manter unha reunión de traballo in situ coa responsable municipal e analizar sobre o terreo as actuacións necesarias.

O encontro incluíu unha visita conxunta á contorna que permitiu valorar as intervencións que sería preciso realizar no río Iso para poñer en valor este espazo natural, de gran importancia para a veciñanza de Arzúa, para a comarca e para os peregrinos que percorren o Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio. Neste sentido, a colaboración entre o Concello e Augas de Galicia resulta clave para definir as actuacións que afectan directamente ao leito e ás marxes do río.

A área recreativa de Ribadiso, situada entre a estrada N-547 e o Camiño de Santiago, conta cunha praia fluvial con illotes conectados por pasarelas de madeira, pistas multideporte, parque infantil, parque biosaudable, merendeiro e cantina. Ademais, constitúe un dos puntos de referencia da ruta circular de sendeirismo “Val do Iso”. Porén, o paso do tempo, o uso intensivo durante os meses de verán e os asolagamentos provocados polas enchentas do río Iso deterioraron notablemente as instalacións e o entorno natural.

Entre as actuacións propostas inclúense o acondicionamento e limpeza do leito do río coa retirada de lodos, a limpeza selectiva das marxes respectando a vexetación de ribeira, a retirada de árbores secas e plantación de novos exemplares, a reparación do muro de pedra existente e a substitución do azud de derivación, actualmente en estado deficitario.

Ademais, estúdase que as actuacións poidan executarse durante os meses de verán, cando o caudal do río é menor, co fin de facilitar os traballos e minimizar o impacto sobre o medio natural.

Balado destacou a “dispoñibilidade e colaboración” de Augas de Galicia para analizar as propostas municipais e avanzar na tramitación necesaria que permita executar as actuacións “o máis axiña posible”. O obxectivo final é recuperar este espazo emblemático, mellorar a súa calidade ambiental e garantir condicións adecuadas para o baño e o lecer con seguridade de cara ás vindeiras tempadas estivais.

Coa posta en marcha deste proxecto, o Concello de Arzúa reafirma o seu compromiso coa conservación do patrimonio natural e coa dinamización turística sostible do municipio.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *