AD

Actualidad

Arzúa, escenario dunha nova quedada de Fotowalk Galicia: “Hai moito máis que retratar que o queixo”

today7 abril, 2026

Fondo
share close
AD
  • Falamos con Sergio García, fundador da comunidade fotográfica, sobre unha xornada aberta a todos os públicos que combinará formación, visita guiada e percorrido polo territorio

Arzúa converterase este sábado 11 de abril nun punto de encontro para as persoas amantes da fotografía coa celebración dun encontro organizado por Fotowalk Galicia en colaboración coa Concellería de Turismo, dirixida por Begoña Balado. A iniciativa busca ofrecer unha mirada diferente sobre o municipio, poñendo en valor a súa paisaxe, o seu patrimonio e a súa identidade a través da cámara.

A xornada arrancará ás 10:30 horas na Praza de Galiza e combinará formación e práctica cun programa que inclúe unha charla de fotografía de rúa na Casa de Correos, impartida por Joshua Ñañez, e unha visita guiada polo casco histórico de Arzúa antes de iniciar o percorrido fotográfico polos distintos enclaves do municipio.

Durante unha entrevista en Radio Líder Santiago, o fundador de Fotowalk Galicia, Sergio García, explicou que a comunidade reúne a persoas apaixonadas pola fotografía con perfís moi diversos. “Somos unha comunidade de fotógrafos afeccionados e profesionais, de cámara e móbil”, sinalou, destacando tamén a evolución que experimentou o proxecto desde os seus inicios hai dous anos.

García puxo o acento na filosofía destas quedadas, que van máis alá da técnica. “Son encontros para compartir emocións, coñecementos e tamén para desfrutar un pouco en familia”, explicou, subliñando o carácter aberto e participativo da iniciativa.

Sobre a elección de Arzúa, o fundador de Fotowalk Galicia destacou o potencial do municipio como escenario fotográfico. “Hai moito máis que o queixo para facer fotos”, afirmou, incidindo na variedade de espazos naturais e patrimoniais que ofrece a vila.

O percorrido incluirá lugares como o Castro Curbín, a aldea de Ribadiso, a Fervenza das Hortas, o encoro de Portodemouros, o Enredo do Abelleiro — Museo Vivente do Mel — e a capela da Fonte Santa, combinando así natureza, historia e etnografía nunha mesma xornada.

Ademais, Sergio García destacou tamén o interese fotográfico que ofrece o paso de peregrinos polo municipio, un elemento que permite captar escenas vinculadas ao Camiño de Santiago e á vida diaria da vila.

Outro dos aspectos que quixo remarcar foi a accesibilidade da proposta. “Calquera persoa está benvida”, asegurou, incidindo en que non é necesario contar con experiencia previa para participar, xa que a actividade está aberta tanto a afeccionados como a persoas que se queiran iniciar na fotografía.

A inscrición é gratuíta e pode formalizarse a través do correo electrónico fotowalkgalicia@gmail.com. Desde a organización recomendan anotarse con antelación para facilitar a planificación dunha xornada que se prolongará durante todo o día. “A xente vai pasalo moi ben e descubrir lugares espectaculares”, asegurou Sergio García, convidando a participar nunha cita que combina fotografía, territorio e convivencia.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *