AD

Comarca

Arzúa leva o mellor do seu patrimonio, gastronomía e turismo rural a FITUR 2025

today22 enero, 2025

Fondo
share close
AD

O Concello de Arzúa participará na Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se celebra en Madrid do 22 ao 26 de xaneiro, cun completo programa de actividades, reunións e promocións, centradas en poñer en valor a súa rica oferta turística, cultural e gastronómica. A concelleira de Turismo, Begoña Balado, liderará a representación arzuá, destacando especialmente o 50 aniversario da Festa do Queixo.

O Camiño Francés, camiña cos sentidos

O día 23 de xaneiro, Arzúa terá un papel destacado coa presentación dun video da Mancomunidade do Camiño Francés no pavillón de Galicia, que leva por título ‘Camiño Francés, camiña cos sentidos’. “Este video é unha ferramenta excepcional que pon en valor os once concellos que conforman esta ruta histórica. Queremos destacar o impacto cultural e turístico que o Camiño ten para Arzúa e o resto da comarca,” afirmou Begoña Balado.

A Festa do Queixo, protagonista internacional

Outro dos grandes reclamos da participación de Arzúa en FITUR será a promoción da 50ª edición da emblemática Festa do Queixo, que aspira a ser declarada de interese turístico nacional. “Este aniversario é especial. Estamos traballando intensamente para que a Festa do Queixo reciba o recoñecemento que merece e se converta nun evento de referencia no panorama nacional,” subliñou Balado.

Entre as accións previstas, destacan as reunións co Centro Galego de Madrid para organizar unhas xornadas gastronómicas arredor do queixo e a mel de Arzúa, así como encontros con medios de comunicación e expertos en turismo gastronómico.

Aposta polo turismo verde

A concelleira de Turismo tamén destacou o interese de Arzúa por posicionarse como destino de turismo verde e sostible. Para iso, participará en reunións con axencias de viaxes, turoperadores e especialistas en rutas de sendeirismo e cicloturismo.

“Arzúa é un destino único para os amantes da natureza. Temos fervenzas, rutas de gran beleza e un patrimonio inmenso en cada parroquia. Queremos que as axencias e os visitantes internacionais vexan en Arzúa un lugar perfecto para desconectar e vivir experiencias auténticas,” sinalou Balado.

Actividades promocionais e encontros clave

Durante a súa estancia en FITUR, a delegación de Arzúa tamén realizará:

• Encontros con axencias especializadas en turismo asiático, un mercado emerxente no Camiño de Santiago.

• Reunións con representantes de Eurovelo Cycling Tourism, para impulsar proxectos vinculados ao cicloturismo.

• Promoción das feiras quincenais de Arzúa, un atractivo para o turismo local e rexional, especialmente co seu recoñecido polbo á feira.

Unha oportunidade para destacar

Para Begoña Balado, a presenza en FITUR é clave para posicionar Arzúa no mapa turístico global: “Estar en FITUR significa competir co resto do mundo, pero tamén poñer o nome de Arzúa ao nivel que merece. Somos un paraíso que combina tradición, gastronomía, paisaxe e modernidade. Este ano será fundamental para consolidar a nosa proxección internacional.”

Arzúa preséntase en FITUR 2025 como un destino que aposta pola calidade, a sostibilidade e a autenticidade, convidando a todo o mundo a descubrir os seus encantos únicos.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%