AD

Comarca

Arzúa organiza unha charla para familias sobre ocio nocturno e responsabilidades parentais

today8 febrero, 2026

Fondo
share close
AD

O Concello de Arzúa, a través da Concellería de Xuventude, organiza unha charla informativa dirixida a nais, pais e persoas titoras coa que se pretende poñer enriba da mesa preocupacións que están presentes no día a día das familias en relación coa saída nocturna dos seus fillos e fillas.

A sesión celebrarase o xoves 12 de febreiro, ás 19:00 horas, na Casa de Correos, e contará coa participación de Martín Camba, da Policía Local de Santiago de Compostela, cunha ampla traxectoria profesional, con 23 anos de experiencia no corpo, 16 deles na quenda nocturna, o que lle permite achegar unha visión directa e realista das situacións que se dan no lecer nocturno e na realidade cotiá da mocidade.

A actividade desenvólvese en colaboración coa Policía Local e trátase dunha iniciativa que xa foi desenvolvida en 28 concellos da provincia da Coruña, con boa acollida por parte das familias participantes.

A charla está concibida como un espazo de confianza e diálogo, no que se abordarán con normalidade preocupacións habituais das familias, facendo accesible información sobre cuestións como o acceso de menores a locais de ocio nocturno, o consumo de alcohol e bebidas enerxéticas, os cambios na normativa vixente e as responsabilidades legais no ámbito familiar.

O concelleiro de Xuventude, Daniel Moscoso, explicou que “con esta charla queremos abrir un espazo de confianza no que as familias poidan falar con normalidade das preocupacións que están presentes no seu día a día”. Engadiu que “contar con profesionais e persoas que coñecen ben esta realidade axuda a entender mellor á mocidade e a acompañar aos menores con máis información, sen alarmismos e con responsabilidade compartida”.

Desde a Concellería de Xuventude destácase a importancia de promover este tipo de encontros como ferramentas de acompañamento e prevención, reforzando o diálogo entre familias, mocidade e administracións públicas.

A actividade é aberta a toda a veciñanza e non require inscrición previa.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *