AD

Actualidad

Arzúa prepárase para converterse no epicentro comarcal do eclipse total de sol

today6 febrero, 2026

Fondo
share close
AD

Arzúa prepárase para converterse no epicentro comarcal do eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto de 2026, un fenómeno astronómico excepcional que situará ao municipio como un dos puntos privilexiados de Galicia para a súa observación.

A Concellería de Turismo do Concello de Arzúa xa está a traballar na organización dunha programación especial arredor desta cita histórica, coa vontade de ofrecer unha experiencia aberta, divulgativa e pensada para todos os públicos. A concelleira de Turismo, Begoña Balado, destaca a importancia do evento para o municipio: “Estamos ante unha oportunidade histórica. Arzúa está nunha posición privilexiada para vivir o eclipse total e queremos que sexa unha experiencia compartida por veciños, peregrinos e visitantes”.

O punto elixido para a observación será a parroquia de Santa María, no Campo da Festa, un espazo amplo, cómodo e estratéxico, situado preto do núcleo urbano. Esta localización facilitará a participación cidadá e permitirá acoller con garantías ás persoas que se acheguen desde distintos puntos da comarca.

Segundo explica Balado, a elección deste emprazamento responde a criterios tanto técnicos como sociais: “O Campo da Festa é un lugar ideal para a observación: aberto, accesible e moi próximo ao centro de Arzúa, o que nos permite garantir comodidade e seguridade para todas as persoas asistentes”.

Ademais da propia observación do eclipse, o Concello prevé organizar unha xornada con obradoiros e talleres de divulgación astronómica, pensados para todos os públicos, cun enfoque didáctico e familiar. “Queremos que o eclipse sexa tamén unha oportunidade para aprender, para espertar a curiosidade científica e para gozar da astronomía dunha forma próxima e amena”, sinala a concelleira.

Desde a Concellería de Turismo sublíñase tamén o papel de Arzúa como punto comarcal estratéxico para vivir este fenómeno único, tanto pola súa localización como pola capacidade de acollida do municipio e a presenza constante de peregrinos do Camiño Francés. “Arzúa ten todo para converterse no lugar de referencia da comarca para vivir o eclipse. É un evento que vai máis alá dun momento puntual e que pode ter un impacto moi positivo a nivel turístico e social”, engade Balado.

A Concellería de Turismo do Concello de Arzúa anunciará en breve a programación completa, así como os detalles das actividades previstas e as recomendacións necesarias para unha observación segura do eclipse total de sol.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *