Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Arzúa, 22 marzo 2024. O alcalde Xoán Xesús Carril achegouse este xoves ao multiusos para ultimar os detalles da reapertura do aparcadoiro situado no céntrico edificio do Recinto Feiral Terra do Queixo (Rúa Padre Pardo), un servizo moi agardado pola veciñanza xa que leva pechado desde o inicio da pandemia do COVID19 no 2020. Esta medida responde á crecente demanda de estacionamento na área, especialmente relevante pola súa proximidade estratéxica ao Centro de Saúde e outras instalacións vitais na zona céntrica da cidade.
A partir do vindeiro 1 de abril, o aparcadoiro estará dispoñible de maneira gratuíta para todos os usuarios, en horario de 8:00 a 14:30, facilitando así o acceso aos servizos e comercios locais durante as horas máis concorridas do día. A decisión de reabrir este espazo foi aprobada no pleno municipal do pasado 30 de xaneiro de 2024, con posterior anuncio oficial no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 5 de febreiro.
Co fin de informar e orientar aos usuarios sobre o uso das instalacións, o Concello instalará paneis informativos no recinto do aparcadoiro. Estes paneis proporcionarán detalles sobre o horario de funcionamento, normas de uso e calquera outra información relevante para garantir unha experiencia positiva para todos os usuarios.
O Alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, expresou o seu compromiso con mellorar a calidade de vida dos cidadáns e visitantes de Arzúa, destacando que «a reapertura deste aparcadoiro non só aliviará a presión sobre o estacionamento na nosa vila, senón que tamén contribuirá ao dinamismo económico e social da zona céntrica, facendo de Arzúa un lugar máis accesible e acolledor para todos».
O Concello de Arzúa agradece á veciñanza pola súa paciencia e comprensión durante o peche do aparcadoiro e invita a todos a facer uso deste renovado espazo, deseñado para responder ás súas necesidades de mobilidade e acceso
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)