Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Ames, 17 de xullo de 2025.- A edición deste ano das “Noites en Vela”, prevista para este 19 de xullo, celebrarase finalmente para o vindeiro 30 de agosto debido ás condicións meteorolóxicas previstas para este sábado. A pesar do cambio de data, manteranse os horarios e servizos establecidos para a actividade, como o servizo autobús gratuíto para acudir á velada. Nas “Noites en Vela 2025” actuarán As Maianas e Caamaño & Ameixeiras. A actuación de Caamaño & Ameixeiras está subvencionada pola Xunta de Galicia dentro do programa Cultura no Camiño 2025.
A Ponte Maceira terá que agardar para poder gozar dunha das súas xornadas máis especiais, as “Noites en Vela”. A velada, programada para este sábado 19 de xullo, adíase finalmente para o vindeiro sábado 30 de agosto, debido ás previsións de condicións meteorolóxicas adversas para celebrar os concertos en óptimas condicións nesta histórica paraxe monumental e natural.
O evento manterá os horarios previstos inicialmente, polo que os concertos comezarán a partir das 21.00 horas. Con este cambio de data, preténdese manter a esencia desta actividade, que naceu para poñer en valor unha gran paraxe paisaxística e natural do noso concello como é A Ponte Maceira a través da celebración desta cita musical anualmente.
Servizo de bus gratuíto
Polo tanto, A Ponte Maceira acollerá a finais do vindeiro mes de agosto unha nova edición das “Noites en Vela”, un evento que xa é toda unha tradición e que vincula aos concellos de Ames e Negreira ano tras ano desde a creación desta cita no 2016. A actividade está organizada conxuntamente polos departamentos de Cultura de ámbolos dous Concellos.
Este ano contarase cun servizo de autobús gratuíto que percorrerá O Milladoiro, Bugallido, Agro do Muíño e Bertamiráns. Con esta iniciativa, preténdese facilitar á asistencia ao evento, así como evitar a masificación de vehículos particulares en A Ponte Maceira, lugar declarado ben de interese cultural (BIC).
A hora de saída do autobús será ás 20.00 horas desde O Milladoiro, e realizará paradas nas localidades mencionadas anteriormente, ata chegar A Ponte Maceira. A saída será unha vez remate a velada. As persoas interesadas en empregar este servizo deberán enviar un correo ao enderezo electrónico gabinete@ames.gal indicando nome, apelidos e un teléfono de contacto, ou chamar ao número 881 074 730.
As Maianas e Caamaño & Ameixeiras
Os grupos encargados de amenizar esta edición das Noites en Vela serán “As Maianas” e “Caamaño & Ameixeiras”.
A agrupación de cantareiras “As Maianas”, formado en Ames no 2007, destacan pola súa proposta con temas de composición propia nos que empregan sons e ritmos da música tradicional galega nos que se valen de instrumentos coma as pandeiretas, cunchas ou a propia percusión corporal.
Pola súa banda, “Caamaño & Ameixeiras” é un dúo formado en 2018 composto por Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras moi ligado tamén á música e baile tradicional. Na actualidade contan con prestixio tanto a nivel nacional coma internacional. Tomando como partida inicial sons populares da nosa terra, este dúo crea pezas de composición propias cun selo moi persoal nas que mesturan o tradicional con recursos máis contemporáneos.
A actividade é de balde. Para coñecer máis información pódese contactar co Concello de Ames escribindo ao enderezo electrónico cultura@concellodeames.gal ou co de Negreira, escribindo a marcos.perez@concellodenegreira.es.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)