Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today24 marzo, 2025
Padrón. 24-3-2025.- O Concello de Padrón continúa avanzando no seu proxecto de rehabilitación da Praza de Abastos, unha actuación estratéxica que permitirá revitalizar este espazo emblemático combinando a súa esencia tradicional cunha oferta turística e gastronómica moderna e atractiva. O obxectivo principal é converter a praza nun punto de referencia para veciños, visitantes e peregrinos, dinamizando a actividade comercial e reforzando a súa importancia dentro da economía local.
Entre as melloras contempladas no proxecto, destaca a creación dunha nova oficina de turismo, que contará cun espazo polivalente especialmente pensado para acoller peregrinos, con armarios e servizos adaptados ás súas necesidades. Ademais, habilitarase unha zona flexible que poderá empregarse para a celebración de showcookings en eventos gastronómicos, como as Xornadas Gastronómicas da Lamprea, así como unha área expositiva que poida acoller diferentes mostras culturais e divulgativas.
A intervención tamén inclúe a mellora estrutural dos primeiros postos do mercado, garantindo un espazo renovado que impulse a actividade comercial e mellore a experiencia dos usuarios. Complementariamente, está prevista a instalación de novos baños exteriores e a posta en marcha dun plan de actuación progresivo que sente as bases para a futura renovación integral da praza.
O Concello de Padrón está a traballar activamente para garantir a financiación desta intervención, buscando o apoio doutras administracións que permitan consolidar a Praza de Abastos como un referente gastronómico, cultural e turístico. Neste contexto, o pasado mércores 12 de marzo, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, visitou o mercado para coñecer de preto os plans previstos. O alcalde Anxo Arca, acompañado da concelleira de Turismo, Chus Campos, e dos técnicos municipais de Turismo e Urbanismo, Alberto Rey e Ramón Rey, detallou as actuacións previstas para revitalizar este espazo clave para a economía local.
Esta iniciativa enmárcase dentro dun conxunto de proxectos que o goberno local está a desenvolver para mellorar a calidade de vida da veciñanza e dinamizar a actividade económica de Padrón.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)