AD

Comarca

Así será o novo parque de Pardiñeiros no Milladoiro: inclusivo e para rapazada de máis idade

today11 marzo, 2026

Fondo
share close
AD
  • O orzamento base de licitación rondará os 300.000 euros (IVE incluido) e contempla a renovación integral do espazo
  • O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explicou que este é un modelo de parque pensado para a inclusión e convivencia de rapaza dun gran rango de idades e diferentes capacidades”

Ames, 11 de marzo de 2026.- O proxecto de actuación no parque Pardiñeiros contempla unha intervención integral orientada ao redeseño e á mellora global deste espazo público, co obxectivo de potenciar tanto a súa funcionalidade como o seu valor estético e ofrecer á veciñanza un lugar máis atractivo, seguro e confortable para o lecer e a convivencia.

A actuación prevé a modernización da área de xogos infantís, incluíndo a renovación do pavimento mediante a instalación de céspede artificial con parámetros de amortecemento adaptados ás distintas alturas de caída, garantindo así a seguridade das nenas e nenos que fan uso destas instalacións. Ademais, o novo pavimento incorporará elementos lúdicos e un circuíto de educación viaria integrados no propio céspede, concibidos para resultar atractivos, interactivos e didácticos para a rapazada.

O proxecto tamén contempla a instalación de novos xogos infantís inclusivos que permitan diversificar as posibilidades de lecer e ampliar o rango de idades ao que vai dirixido o parque. Entre eles incluirase un elemento de maiores dimensións pensado para nenas e nenos de máis idade, reforzando así o carácter inclusivo e familiar do espazo. O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explicou que “este é un modelo de parque pensado para a inclusión e convivencia de rapaza dun gran rango de idades e diferentes capacidades”.

Outro dos aspectos clave da actuación será a integración das dúas áreas de xogo existentes, incluída a de maior tamaño situada baixo a pérgola, coa zona contigua e co conxunto da urbanización que rodea o parque. Para iso prevese a integración dos pavimentos actuais cos da urbanización adxacente, xerando unha maior continuidade espacial e unha imaxe máis coherente e ordenada do conxunto.

Así mesmo, o proxecto inclúe a creación de novas zonas de estancia destinadas ao descanso e á convivencia veciñal, así como a renovación do mobiliario urbano mediante a instalación de novos bancos, papeleiras e mesas de xogo que mellorarán a comodidade e a estética do espazo público.

A actuación completarase coa disposición de novas zonas axardinadas, favorecendo a presenza de vexetación e a integración da natureza no contorno urbano. Con este conxunto de actuacións, o proxecto pretende transformar o parque Pardiñeiros nun espazo público máis funcional, acolledor e atractivo, pensado para o desfrute das familias e da veciñanza e adaptado ás necesidades actuais de uso e convivencia.

Un modelo de parque infantil inclusivo

Un parque infantil inclusivo é un espazo de xogo deseñado para que todas as nenas e nenos, independentemente das súas capacidades físicas, sensoriais ou cognitivas, poidan xogar xuntos en condicións de igualdade e sen barreiras.

A diferenza dun parque simplemente adaptado, un parque inclusivo non se limita a incorporar algúns elementos accesibles nin a separar os xogos para persoas con discapacidade do resto. Pola contra, aposta por un deseño global no que os xogos, os percorridos e os espazos de estancia están pensados desde o inicio para facilitar a participación de todas as crianzas.

Este modelo promove unha experiencia de xogo compartida, favorecendo a interacción, a convivencia e o desenvolvemento social das nenas e nenos, ao tempo que garante a accesibilidade, a seguridade e a diversidade de estímulos para diferentes capacidades e necesidades.

Achega provincial de 2025 e 2026 

Esta actuación está encadrada no plan principal de obras (Achega 2025 e Achega 2026), dotado de 1.548.543,37 euros para sufragar seis proxecto e gasto corrente. Deste xeito, con cargo á Achega provincial de 2025 vanse a sufragar catro proxectos: a pavimentación de viarios en Agro do Muíño e Ortoñiño (229.991,04 euros); a pavimentación de viarios de acceso a Leboráns (43.128,84 euros); a mellora e acondicionamento do parque da rúa Pardiñeiros, no Milladoiro (299.908,06 euros); e mailo acondicionamento das beirarrúas na avenida da Maía (224.016,44 euros). Estes catro proxectos suman un importe total de 797.044,38 euros.

Ademais, o Concello de Ames sufragará dúas actuacións a través da Achega provincial de 2026, que está dotada de 351.498,99 euros: a pavimentación do viario en Guimaráns, Costoia e Cortegada (165.112,16 euros); e a pavimentación do viario Quintáns-Cortegada, Covas e Ventosa (186.386,83 euros).

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *