AD

Destacado

«Ao non poder atacarnos polo traballo, a oposición recorre a descalificacións persoais desde perfís falsos»

today8 septiembre, 2025

Fondo
share close
AD
  • O alcalde Anxo Arca e a concelleira Chus Campos repasaron en Radio Líder Santiago a axenda municipal, o turismo e a vida política marcada pola tensión en redes sociais

  • O executivo padronés anuncia investimentos en infraestruturas, novidades culturais e prepara un Nadal “con sorpresas importantes”

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, e a concelleira de Turismo e Festas, Chus Campos, foron entrevistados por Álvaro Veiga en Radio Líder Santiago, nunha conversa ampla sobre o presente e futuro do municipio. O rexedor fixo balance do verán e sinalou que o goberno local está inmerso nunha intensa actividade. “Este goberno non para, non paramos en agosto, non paramos en setembro… o importante é que Padrón continúe tendo mellores instalacións e mellor calidade de vida”, afirmou.

Entre os proxectos destacados atópanse a nova ruta das pesqueiras de 18 km, pensada para poñer en valor o patrimonio ligado á lamprea e ao río Ulla; a pavimentación de vías municipais; o pumptrack do Paseo da Constitución; a mellora do campo de fútbol de Estramundi; e novos parques infantís en diferentes rúas. Arca subliñou que a prioridade é “poñer ao día unhas infraestruturas municipais moi esgotadas, antes de emprender novos retos”.

Un dos temas máis sensibles foi o do Centro de Saúde, cuxa reforma será asumida ao 50% entre Concello e Xunta. “Non era a opción máis axeitada, porque fai que os padroneses paguen o dobre por ter unha sanidade decente”, criticou o alcalde, lembrando que a proposta inicial era que a Consellería asumise todo o investimento.

No ámbito turístico, Chus Campos destacou a crecente afluencia de peregrinos e visitantes. “Só hai que dar unha volta por Padrón calquera tarde para ver as terrazas cheas e os negocios a funcionar”. Ademais, anunciou a programación do Outono cultural, cun ciclo de cinema en tres espazos —incluíndo a Casa de Rosalía—, no que se proxectará, entre outros títulos, un filme sobre Castelao.

A edil de Turismo e Festas, Chus Campos, dedicou unha parte da entrevista a denunciar os ataques machistas sufridos nas últimas semanas en redes sociais, procedentes de perfís anónimos. Estes comentarios, explicou, criticábanlle a súa vestimenta deportiva durante a práctica do ciclismo, cuestionando que utilizase a equipación do histórico equipo Cortizo, un club de referencia en Galicia con máis de setenta anos de traxectoria. Campos rexeitou con firmeza estas actitudes: “Preocúpame a imaxe que iso dá ás rapazas que queren practicar ciclismo ou ir ao ximnasio. Non podemos permitir que se lles marque como deben vestir”. A concelleira recalcou que a mensaxe que transmiten estes ataques é perigosa porque pode disuadir ás máis novas de iniciarse no deporte, fomentando estereotipos que non teñen cabida nunha sociedade igualitaria.

A edil asegurou que seguirá lucindo con orgullo o maillot do Cortizo, subliñando que non só ela o fai, senón tamén numerosos veciños e veciñas que visten a equipación do club como sinal de apoio. “É un orgullo que en Padrón teñamos un equipo de referencia a nivel galego e estatal, que leva o nome do noso pobo por toda España e que forma a xeracións de ciclistas profesionais”, apuntou. Trala polémica, o propio equipo Cortizo saíu ao paso e desmentiu categóricamente as insinuacións vertidas nas redes, reafirmando o seu respaldo á edil e á comunidade que se identifica co club.

Ademais, Campos destacou a inmensa “oleada de apoio” recibida tanto a nivel local como autonómico e estatal: veciños e veciñas de Padrón, representantes políticos de diferentes cores, alcaldes, alcaldesas e concelleiros de toda Galicia, ademais de deportistas, expresaron o seu rexeitamento á campaña de difamación. “Sentímonos abraiados coa solidariedade que nos chegou de todas partes. O pobo de Padrón deixou claro que non comparte este tipo de actitudes e que quere unha política construtiva, non baseada na mentira nin na descalificación persoal”, concluíu.

En materia política, o alcalde confirmou que os orzamentos municipais entraron en vigor a finais de agosto, tras unha cuestión de confianza. Criticou a actitude da oposición e os ataques en redes: “Cando nós estabamos na oposición eramos críticos, pero sempre con cortesía e dando a cara. Como a oposición non pode atacarnos polo traballo, o fan con descalificacións persoais dende perfís falsos», lamenta.

O rexedor tamén falou do irmanamento con Arjonilla (Jaén), que se plasmará nunha viaxe a finais de mes coincidindo coas xornadas medievais desta localidade. Arca subliñou que esta unión completa “un círculo de irmandamentos con coherencia”, xunto a Rianxo, Santiago e outras localidades galegas. Tamén puxo en valor o contacto fluído co Concello de Santiago para afrontar o reto común da xestión do éxito turístico: “Temos que buscar un equilibrio entre a calidade de vida da veciñanza e a calidade da experiencia dos visitantes”.

No plano cultural e festivo, Campos avanzou que o Nadal padronés traerá unha novidade importante que aínda non se desvelou, pero que “vai marcar a diferenza e fará desfrutar moito aos nenos e nenas”. O goberno local xa traballa tamén na organización do Entroido e da Pascua, tras o éxito de participación acadado en edicións anteriores.

Arca concluíu reiterando a aposta pola proximidade: “Queremos un goberno presente no terreo, preto da cidadanía, e informando con transparencia do que facemos”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *