Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 enero, 2024
O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, apelou hoxe ao galeguismo útil para concentrar o voto na “candidatura gañadora” que presenta o PSdeG. Besteiro interveu no Comité Nacional Galego que hoxe aprobou por aclamación as candidaturas para as próximas eleccións autonómicas.
Defendeu a candidatura composta por “mulleres e homes á altura de representar aos cidadáns desta terra como se merecen”, e que conforman “un equipo que se volcará en construír o mellor futuro para Galicia”. Subliñou que “só cun Partido Socialista forte haberá cambio de goberno en Galicia” e emprazou á mobilización para que o PSdeG lidere o “cambio de era” que a sociedade galega está a pedir maioritariamente.
Advertiu que a dereita “teme” un PSdeG “forte, ben conectado co Goberno do Estado e que sexa quen de levar a cabo melloras importantes, que se sintan na vida dos galegos e das galegas, ese é o proxecto que lles traemos os socialistas”.
Resumiu que “a dereita esgotou o seu tempo e o cambio correspóndenos lideralo aos socialistas”, para o que pediu a mobilización das últimas dúas convocatorias de eleccións xerais e municipais.
O candidato socialista dirixiuse así aos galegos e galegas para “pedirlles que, se nos deron a confianza para que a dereita non puidese gobernar España, nos volvan dar a súa confianza para que a dereita non siga gobernando Galicia”.
Besteiro animou á estrutura do partido para “despregarnos por toda Galicia, vencer á manipulación que fabrica a dereita e gañarnos a pulso a confianza dos galegos e das galegas”. Reclamou que “a percepción de esgotamento do PP e o desexo de cambio venzan ás inercias e gañen ao conformismo e á resignación” nas urnas o próximo 18 de febreiro.
O responsable socialista presentou un proxecto dirixido a “expulsar da Xunta o desánimo, a resignación e o vitimismo” e abrir “expectativas dunha vida mellor” para os galegos e galegas. Reivindicou o liderado do goberno progresista para garantir “as políticas de crecemento, de benestar, de igualdade e de seguridade” que representan os socialistas galegos.
Defendeu un “xiro de temón” na xestión da Xunta para impoñer “un goberno dinámico, que apoie ás empresas, aos autónomos e á clase traballadora”, cando coa xestión do PP “mentres que España medra, Galicia vai en caída libre”. Criticou a xestión dun Rueda “campión da desigualdade e da débeda”, que elevou a fenda de xénero ao 19,1 por cento e que subiu a débeda do 8,6 ao 17 por cento entre 2009 e 2022.
Besteiro interveu diante do Comité Nacional Galego, que é o máximo órgano do PSdeG entre congresos, integrado por delegados e delegadas do PSdeG que aprobarán as listas electorais que serán ratificadas mañá pola Comisión Federal de Listas do PSOE.
Crise dos pellets
Besteiro comprometeuse a que “baixo a miña presidencia, a Xunta non fuxirá de ningunha responsabilidade: nada do que suceda en Galicia será alleo á Xunta cando eu a presida”. Aludiu así de maneira explícita á xestión do goberno galego da crise da marea de pellets que está invadindo as praias galegas, e advertiu que “Rueda mentiu e convocou as eleccións sabendo o que ocorría”.
Subliñou que “non lles estou culpando da marea plástica, pero si os acuso de inacción, de soberbia e de mentir”, cando tiñan unha alerta da chegada do plástico dende o 13 de decembro. Criticou a soberbia de Rueda, que logo de case un mes de crise medioambiental non foi quen ata hoxe de aceptar a axuda do Estado, mentres responsabiliza da limpeza aos concellos.
Criticou que Galicia leve un mes “vendo como, día a día, as nosas praias amencen contaminadas”, e Rueda “foi capaz de marchar de vacacións” e “nin sequera pisou unha praia nin se preocupou polos afectados”. Lamentou que “de novo o PP abandona a costa á súa sorte, coma se a xente do mar non tivese de abondo co ano que leva”, e condena a Galicia a “soportar a súa incapacidade na xestión e a súa temeridade”.
Sinalou que de ter sido presidente da Xunta “tería convocado dende o primeiro momento un comité de crise” que coordinara a acción das administracións e tería solicitado o apoio do goberno “como fixo o presidente de Asturias”. Trasladou agradecemento á marea de voluntarios e á sociedade galega que se está a mobilizar para “dar a batalla por Galicia” mentres “quen a tiña que dar está ausente”.
Comprometeuse a que logo das eleccións “non buscarei culpables noutros, non adoptarei a mentira e a pasividade como forma de gobernar nin fuxirei á hora de xestionar, como tampouco fuxirei dos debates que non é quen de aceptar Alfonso Rueda”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)