Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 marzo, 2026
Ames sitúase no mapa internacional do deporte coa organización dun Campionato do Mundo de 100 quilómetros que reunirá o próximo 20 de setembro a máis de 600 atletas de máis de 20 países. Así o anunciou o alcalde, Blas García, durante unha entrevista en Radio Líder Santiago na que avanzou en exclusiva a imaxe oficial do evento e debullou os detalles dunha cita que cualificou como histórica para o municipio.
“Para nós é unha satisfacción poder contar cun campionato do mundo en Ames”, destacou o rexedor, quen incidiu no valor estratéxico da proba non só no ámbito deportivo, senón tamén turístico e económico . A competición desenvolverase nun circuíto homologado, “moi rápido e moi chan”, que xa foi escenario do Campionato de España Máster e que obrigará aos participantes a completar 20 voltas para cubrir a distancia total.
O evento, ademais da propia carreira, contará cunha programación paralela que inclúe unha cerimonia inaugural con representación dos países participantes, actividades culturais e unha aposta pola visibilización da tradición galega. “Vai ser un evento que vai beneficiar a toda a comarca”, asegurou García , subliñando que os visitantes e equipos técnicos se repartirán por concellos como Santiago, Padrón ou Brión, reforzando así o impacto territorial.
A aposta polo turismo compleméntase coa recente posta en marcha dunha nova área de autocaravanas, unha infraestrutura que responde a unha demanda crecente deste tipo de viaxeiros. O alcalde salientou o éxito da súa inauguración, cunha concentración de arredor de 100 autocaravanas e máis de 200 persoas. “É apoio para a economía local”, explicou , incidindo no consumo xerado nos establecementos do municipio.
Neste ámbito, o Concello traballa tamén nun regulamento que ordene o uso destas áreas, limitando o tempo de estancia e establecendo unha taxa simbólica. O obxectivo, segundo García, é garantir a rotación e facilitar o acceso a máis visitantes, ao tempo que se modernizan os servizos asociados a este modelo turístico en auxe.
En paralelo, o rexedor abordou o avance dos proxectos de saneamento no rural, unha das demandas históricas da veciñanza. Tras descartarse un proxecto conxunto de gran envergadura por superar os cinco millóns de euros, o Concello opta agora por actuacións máis específicas. “Quedamos en facer proxectos máis pequenos en cada núcleo rural e é no que estamos traballando”, indicou . As intervencións céntranse inicialmente en parroquias como Piñeiro e Tapia, con solucións adaptadas ás características de cada zona.
Outro dos piares da intervención foi o recoñecemento ao labor da agrupación de Protección Civil, que realizou máis de 700 servizos no último ano. García, que formou parte deste colectivo, destacou o compromiso do voluntariado: “É moi importante o traballo que fan diariamente” . O alcalde puxo o acento na formación como elemento clave, garantindo que os voluntarios conten cos coñecementos necesarios para actuar en situacións de emerxencia e colaborar cos profesionais.
No plano político, a entrevista estivo marcada tamén pola situación dos orzamentos municipais, definidos como “os máis ambiciosos e históricos do Concello”. A súa aprobación está pendente dunha posible moción de censura, tras non obter respaldo suficiente no pleno. “Este goberno en minoría vai materializar eses investimentos que son tan necesarios”, afirmou , defendendo actuacións como a cobertura de pistas deportivas, a creación de novas zonas de aparcamento ou a mellora de infraestruturas básicas.
Con todo, o momento máis contundente da entrevista chegou ao abordar a súa decisión de denunciar perfís falsos en redes sociais. García advertiu da gravidade destas prácticas e anunciou accións legais contra varios usuarios. “Non podemos permitir as faltas de respecto nin as calumnias”, afirmou , insistindo en que este tipo de comportamentos constitúen un delito.
O rexedor amosou a súa preocupación polo clima de crispación e pola falta de apoio institucional ante estes ataques. “Debemos denunciar isto, é a nosa obriga”, subliñou , facendo un chamamento á unidade de todas as forzas políticas fronte a este problema. Ao seu xuízo, o anonimato nas redes facilita condutas que traspasan os límites da crítica lexítima.
Neste sentido, García diferenciou entre a crítica política, que considera necesaria, e os ataques persoais. “A crítica non me importa, incluso me gusta, pero hai límites que non se poden cruzar”, asegurou . Unha reflexión que conecta cun debate máis amplo sobre o uso das redes sociais e a responsabilidade no espazo público dixital.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)