Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 febrero, 2026
O alcalde de Ames, Blas García, pasou polos micrófonos de Radio Líder Santiago nunha entrevista na que repasou os principais retos do Concello: a negociación dos orzamentos, a situación do CEIP da Maía, o impacto das choivas, a transformación do Milladoiro e a chegada dun Campionato do Mundo de atletismo ao municipio.
Sobre as contas municipais, García confirmou que están en diálogo co BNG, que presentou 15 propostas. “Das 15 propostas que presentan non podemos aceptarllas todas, pero estamos analizándoas e darémoslles resposta”, sinalou. O alcalde foi claro respecto á postura do PP: “Se non están dispostos a aprobar ou facilitar os orzamentos, tampouco ten sentido perder o tempo en reunións que non van levar a ningún acordo”. No caso de non prosperar a negociación, avanzou que vinculará a aprobación das contas a unha cuestión de confianza. Ames contará este 2026 cun orzamento que rondará os 38 millóns de euros, fronte aos 33 do exercicio anterior, incluíndo a empresa municipal de augas.
Urxencia no CEIP da Maía
Outro dos asuntos centrais foi a situación do CEIP da Maía. O rexedor explicou que o tellado do centro, con máis de 30 anos, “rematou xa a súa vida útil e a única solución é cambialo”. Denunciou que “está chovendo dentro e este ano é moito máis grave que en cursos anteriores”, polo que instan á Xunta de Galicia, competente en materia educativa, a iniciar o proceso de substitución. García lamentou que o PP non apoiase a declaración institucional: “Intentamos facer unha moción light, sen entrar en críticas, para que saíra por unanimidade, pero non foi posible”.
Vixilancia constante polos temporais
As sucesivas borrascas obrigaron a reforzar a vixilancia nos ríos Tambre e Sar. O alcalde explicou que contan con estacións de aforo e que xa foi necesario pechar en varias ocasións o paseo fluvial. “Estamos especialmente pendentes de Ponte Maceira, onde si pode afectar ás vivendas”, indicou. Ademais, advertiu dos danos na rede viaria: “Están saíndo baches constantemente e precisamos unha tregua do tempo para poder arranxar os desperfectos”.
O Milladoiro, eixo da transformación
A humanización do Milladoiro ocupou boa parte da conversa. García recoñeceu certa “decepción” con aspectos da execución final do proxecto estatal, pero defendeu o resultado global: “O obxectivo principal conseguiuse: retirar tráfico do Milladoiro e mellorar a calidade de vida da veciñanza”. Segundo indicou, estiman que se lograron retirar arredor de 10.000 vehículos diarios.
Quedan aínda actuacións pendentes, como o pintado do carril bici e melloras en pasos de peóns, condicionadas pola climatoloxía. Ademais, anunciou a creación de arredor de 50 novas prazas de aparcamento na rúa do Rego para compensar a reorganización do tráfico.
O alcalde foi rotundo: “Neste mandato o Milladoiro vai sufrir a transformación máis grande da súa historia”. Enumerou proxectos como a construción dunha piscina municipal e complexo deportivo, un centro multifuncional para a mocidade, máis de 200 vivendas públicas e un novo centro educativo impulsado pola Xunta.
Investimentos no rural e novos parques
No reparto dos fondos do POS da Deputación da Coruña, máis do 50% destinarase ao rural. “Temos 120 núcleos rurais e seguimos co plan de poñelos en valor, mellorando interiores e espazos públicos”, explicou.
No Milladoiro, un dos grandes investimentos será a renovación integral do parque infantil cuberto de Pardiñeiros, cun orzamento superior aos 300.000 euros. “Queremos un parque para nenos e nenas ata 14 anos, máis inclusivo e con materiais máis sostibles”, avanzou.
Ames, sede dun Campionato do Mundo
A nivel deportivo, Ames acollerá o 20 de setembro un Campionato do Mundo de 100 quilómetros, con arredor de 600 participantes de 50 países. “É unha satisfacción que pensen en nós e que Ames se sitúe no mapa mundial”, destacou García. A proba disputarase nun circuíto homologado do municipio, que xa é referencia para atletas da contorna.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)