AD

Comarca

BNG e PP rexeitan a cuestión de confianza do goberno de Padrón, ligada á aprobación dos orzamentos de 2025

today10 junio, 2025

Fondo
share close
AD

• PP e BNG teñen un mes de prazo para presentar unha moción de censura. Se non o fan as contas quedarán aprobadas automaticamente.
• O alcalde lembrou que os orzamentos de 11,1 millóns de euros supoñen un impulso fundamental para que o Concello siga avanzando
• “Os partidos da oposición non presentaron ningunha emenda nin propostas construtivas para mellorar as contas”, di Anxo Arca

Padrón. 10-6-2025.- O Pleno da Corporación de Padrón rexeitou esta mañá a cuestión de confianza vinculada á aprobación dos orzamentos municipais deste ano cos 7 votos en contra de PP (6) e BNG (1), e os 6 a favor do goberno socialista. A partir de agora, PP e BNG teñen un prazo de trinta días para presentar unha moción de censura, aínda que a portavoz nacionalista xa adiantou que non vai apoiar un cambio na alcaldía, polo que todo apunta a que os orzamentos quedarán aprobados de forma automática dentro dun mes.

O alcalde, Anxo Arca, recordou ao inicio da sesión os argumentos que xa expresou no pleno do 29 de maio, cando as contas foron rexeitadas por primeira vez. Estes orzamentos de 11,1 millóns de euros son os máis altos da historia en Padrón, “increméntanse en un millón de euros en relación aos de 2024, e son necesarios para que Padrón continúe pola evidente senda de progreso iniciada hai dous anos con este goberno”, asegurou.

Os orzamentos rexeitados hoxe incrementan en case 150.000 euros a partida de Servizo Sociais e en 20.000 a partida de turismo sustentable; reforzan a inversión en formación para a terceira idade con case 7.000 euros, aumentan a partida para medidas de revitalización do comercio en 50.000 euros e a inversión en política de igualdade, ademais de incluír melloras sociais para o persoal municipal (con 40.000 euros para acción social do novo convenio colectivo).

Ademais de incluír as actuacións do Plan de Obras de Servizos da Deputación da Coruña, os orzamentos presentados polo goberno socialista tamén contemplan unha partida de 15.000 euros para accións de Memoria Democrática e a inversión correspondente ao Concello para a rehabilitación da praza de abastos e a nova oficina de turismo. “Con estes orzamentos Padrón disporá de máis recursos para mellorar os servizos e os espazos que a cidadanía deste pobo merece despois de décadas de abandono por parte dos gobernos do Partido Popular”, afirmou o alcalde.

Anxo Arca lembrou que ningún dos grupos da oposición “presentou nin emendas nin propostas construtivas para modificar estes orzamentos”, lembrando que o documento lle foi remitido ao BNG o pasado mes de novembro.
Durante o debate, a voceira do BNG, Beatriz Rey, expresou novamente o seu rexeitamento ás contas aludindo a que “votar non é unha emenda á totalidade”, pero nesta ocasión tampouco realizou ningunha proposta en relación aos orzamentos. Asegurou que o BNG non vai apoiar a moción de censura co Partido Popular, que “esperará os 30 días e que segue tendendo a man para chegar a acordos” co grupo socialista.

O concelleiro do PP, Ángel Rodríguez, dixo que o goberno padronés “non ten a confianza do PP e que os orzamentos presentados non solucionan os problemas da cidadanía”. Ao que o alcalde respondeu recordándolle que “os problemas e as necesidades de Padrón son consecuencia da mala xestión dos gobernos do Partido Popular, que durante décadas foi incapaz de conseguir que Padrón fose a mellor”.

Á hora da votación, a secretaria chamou por orde alfabético a cada un dos concelleiros e concelleiras, que manifestaron o seu apoio ou rexeitamento á cuestión de confianza presentada polo goberno local. O resultado foi de seis votos a favor (os do PSdeG) e sete votos en contra (6 do PP e 1 do BNG), polo que a cuestión de confianza e os orzamentos foron rexeitados.

Iníciase así o prazo dun mes no que a oposición pode presentar moción de censura para nomear un novo alcalde. De non presentarse, os orzamentos de 2025 do Concello de Padrón tal como foron presentados polo goberno que lidera Anxo Arca quedarán aprobados de forma automática.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *