AD

Actualidad

José Ramón Romero destaca o liderado de Boiro na comarca: “Temos un concello solvente e en movemento”

today29 octubre, 2025

Fondo
share close
AD

José Ramón Romero: “Cando entramos en 2019, había moitas cousas paradas. Agora o Concello funciona, crea emprego e inviste no futuro de Boiro”

Nunha entrevista emitida por Radio Líder Santiago, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, fixo un percorrido polas principais liñas de actuación do seu goberno, repasando tanto os logros coma os retos pendentes de cara ao que resta de lexislatura. Dende programas de emprego comarcais ata plans de urbanización ou investimentos en medio ambiente, o rexedor destacou a “boa saúde financeira” do Concello e asegurou que “o compromiso co benestar dos veciños estase a cumprir con feitos”.

O alcalde iniciou a entrevista referíndose ao programa comarcal de emprego desenvolvido en colaboración con A Pobra do Caramiñal e Rianxo, financiado maioritariamente pola Xunta de Galicia. “Son máis de 200.000 euros para formar a cen persoas en sectores produtivos reais da comarca. Levamos unha inserción laboral do 60%, e en anos anteriores acadamos incluso o 74%”, subliñou. “Non é só formación: temos contacto directo coas empresas e adaptamos os perfís do alumnado ao que realmente se necesita”.

A aposta pola colaboración institucional é outro dos piares do goberno local: “Estamos coordinados coa Xunta, co Estado, coa Deputación… os concellos somos a administración máis próxima e temos que ser tamén a máis útil”, afirmou Romero, destacando que “Boiro non é unha illa” e que “as alianzas comarcais e interinstitucionais son clave para avanzar”.

Un dos temas máis recorrentes na conversa foi a xestión medioambiental. O alcalde alertou sobre a crecente problemática do depósito incívico de enseres ao pé dos colectores. “Hai casos de colchóns tirados enfronte do punto limpo. Non damos crédito”, declarou. “Temos servizos gratuítos de recollida porta a porta, punto limpo con amplo horario e aínda así seguimos vendo comportamentos inaceptables”.

Ademais de facer un chamamento á cidadanía para que actúe con responsabilidade, Romero anunciou campañas de concienciación e a posible entrada en escena da Policía Local con sancións ás persoas reincidentes: “Non nos gusta sancionar, pero cando a pedagoxía non chega, temos que actuar”.

En canto a novas iniciativas, o Concello porá en marcha nos próximos días a implantación do contedor marrón para residuos orgánicos, comezando polos grandes produtores: restaurantes, supermercados e comedores escolares. A medida virá acompañada de formación específica e dunha campaña subvencionada con 11.000 euros. Ademais, continúa o programa de compostaxe individual, con preto de 400 composteiros entregados e seguimento personalizado aos usuarios. “Queremos facer isto ben, pouco a pouco, pero con paso firme”, apuntou o alcalde.

Obras, urbanismo e vivenda: 7 millóns de euros e un novo barrio

No eido do investimento público, Romero destacou que o Concello ten en marcha 18 obras por valor de máis de 7 millóns de euros, a maior parte delas xa asignadas a empresas e en fase de execución. Asegurou que, a pesar da complexidade da tramitación, “cada obra cumpre prazos e responde a necesidades reais da veciñanza, tanto no rural como no centro urbano”.

En paralelo, informou dos avances no desbloqueo do plan urbanístico ao carón do mar, que permitirá a construción de ata 1.000 vivendas. “Cando chegamos en 2019 estaba todo parado dende o ano 2013. Había propietarios sen terreos e sen cobrar. Xa fixemos a primeira liquidación e esperamos que antes de que remate o ano poidan cobrar os 15 veciños afectados”, explicou. Tamén lembrou que dende finais de 2022 os novos propietarios xa teñen os títulos rexistrados, e que se traballa no proxecto de urbanización para comezar a dar licenzas en 2026.

Un dos anuncios máis aplaudidos da entrevista foi o reforzo da Policía Local, tras anos de paralización. “Entre 2011 e 2019 non se cubriu ningunha praza. Dende que entramos nós, xa van 12, das cales 6 se incorporaron este mesmo mes”, explicou. O obxectivo é chegar a 22 efectivos antes do fin de lexislatura, cifra que permitiría unha cobertura completa das necesidades do municipio.

Tamén se referiu á mellora das condicións laborais do persoal municipal. Logo de máis de 20 anos sen actualización salarial, o goberno aprobou unha nova Relación de Postos de Traballo (RPT) e aplicou as subas salariais nun único exercicio. “Comprometémonos cos traballadores e cumprimos. Agora tócalles a eles cumprir coa veciñanza”, dixo con rotundidade.

Loita pola residencia de maiores e novos servizos sociais

A pesar de non ter competencias directas, Romero reiterou o compromiso do seu goberno con acadar unha residencia pública para a terceira idade. “É unha demanda histórica que seguimos reclamando á Xunta. Mentres tanto, estamos a facer a nosa parte”. Nese sentido, avanzou a apertura dun centro de día con 27 prazas para persoas con Alzheimer e seis apartamentos para coidadores. Ademais, anunciou un novo proxecto no ámbito sociosanitario que será presentado nos próximos meses.

“Cada ano reducimos débeda e rematamos con superávit”, afirmou o alcalde, saíndo ao paso das críticas da oposición. “Os datos oficiais están aí, e falan por nós”. A boa xestión económica, segundo indicou, está a permitir manter investimentos, mellorar os servizos públicos e planificar a longo prazo. “Temos remanente, temos solvencia e temos proxecto”, sentenciou.

Romero recoñeceu que quedan promesas por cumprir, pero asegurou que todas están en marcha. “O que non se pode facer é prometer e esquecer. Nós asumimos compromisos e traballamos cada día para cumprilos, mesmo cando os prazos se alargan por burocracia ou por falta de competencias directas”. E concluíu cunha mensaxe á veciñanza: “Boiro é un concello tranquilo, dinámico, sostible e con futuro. Estamos mellorando, e queremos seguir facéndoo da man da xente”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *