AD

Comarca

Boqueixón e Vedra presentan ‘Correntes do Ulla’ con piragüismo, sendeirismo e voluntariado

today27 mayo, 2025

Fondo
share close
AD
  • As actividades terán lugar do 28 de xuño ao 17 de agosto e as inscricións poden formalizarse en www.boqueixon.gal e www.concellodevedra.gal

Boqueixón, 27 de maio de 2025.- O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, e o alcalde de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, presentaron hoxe o programa Correntes do Ulla, unha iniciativa conxunta de ambos os dous municipios que inclúe sete actividades co río Ulla como eixo central e que inclúen piragüismo, rutas de sendeirismo e un campamento de voluntariado. Toda a información e inscricións nas respectivas webs municipais: www.concellodevedra.gal e www.boqueixon.gal.

Carlos Martínez explica que “Boqueixón e Vedra volvemos ser unha vez máis exemplo de colaboración entre administracións. Neste caso compartimos un elemento fundamental como é o río Ulla e en torno a el imos desenvolver un amplo programa de actividades moi valoradas tanto pola nosa veciñanza como por todos os concellos da contorna, pois sempre contamos con moitos participantes de ambas beiras do río”.

Pola súa banda, Ovidio Rodeiro sinala que “este ano as grandes novidades serán unha ruta fotográfica ambiental pola contorna do Coto de Ximonde e, sobre todo, o campo internacional de voluntariado Monte Sacro que vai acondicionar unha senda pola ribeira do río Ulla que unirá Vedra e Boqueixón co municipio de Teo e que porá en valor o patrimonio natural e cultural da área recreativa de San Paio, en Codeso”.

Programa

Correntes do Ulla dará comezo o sábado 28 de xuño coa única actividade de pago en toda a programación: Descenso do Ulla en piraguas. Un percorrido entre o Campo do Río de Ponteledesma ata a área de recreo de Agronovo. O número de prazas é limitado e as inscricións custan 30 euros por persoa, que inclúen: piragua para dúas persoas, chaleco salvavidas e seguro. Poderán participar tamén menores de idade, entre 13 e 18 anos, con autorización familiar.

Do 21 de xullo ao 1 de agosto terá lugar o Campo de voluntariado “Monte Sacro”, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Un campamento medioambiental e de social dirixido a mozos e mozas de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos que traballarán no deseño e limpeza dunha senda que unirá os municipios de Vedra e Boqueixón co municipio limítrofe de Teo, co obxectivo de crear unha ruta de gran percorrido na ribeira do río Ulla. Así mesmo, colocarán sinalización e porán en valor o patrimonio cultural e natural da área recreativa de San Paio (Codeso, Boqueixón). Finalmente, contémplase a realización dunha guía da flora e a fauna local. Inscricións en https://xuventude.xunta.gal/.

Finalmente, Correntes do Ulla convoca cinco rutas de sendeirismo gratuítas nos meses de xullo e agosto. Dúas delas están incluídas dentro do programa Goza do Ulla: Roteiro de Pescadores (sábado 5 de xullo) Pazo de Santa Cruz de Ribadulla – San Xoán da Cova (domingo 3 de agosto). Dúas rutas de dificultade media-baixa, de 9,1 km e 16 km de distancia.

O sábado 12 de xullo terá lugar unha da novidades deste ano: unha ruta fotográfica ambiental pola contorna do Coto de Ximonde (Vedra). Entre as 10:00 e as 13:00 horas, o fotógrafo Fernando Lueiro guiará ás persoas participantes na toma de imaxes da fauna e da flora local.

Para o mes de agosto quedan outras dúas rutas de sendeirismo, que teñen como eixo común dar a coñecer o patrimonio oculto. A primeira delas terá lugar en Vedra o sábado 9 de agosto pola contorna de San Xoán da Cova, Gundián e Ponte Ulla. A segunda terá lugar o domingo 17 de agosto en Boqueixón, pola contorna do Pico Sacro. En ambos os dous casos, o horario será de 10:30 a 13:30 horas e o número de prazas será limitado.

Correntes do Ulla é un programa organizado polos Concellos de Vedra e Boqueixón, en colaboración coa Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña. Máis información e inscricións: www.concellodevedra.gal e www.boqueixon.gal.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *