Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, amosou hoxe a súa preocupación tras coñecer a intención do BNG de limitar o acceso dos turistas a Compostela.
Verea acusou aos nacionalistas de querer converter Santiago nun barrio dormitorio, “perdendo así a nosa vocación cosmopolita e a esencia de mil anos recibindo xente”, e lamentou que teñan declarados como inimigos aos visitantes e peregrinos que chegan á nosa cidade, “o único que conseguirán así e pechala en si mesma, reducila e paralizala”.
Nese senso, o líder popular sinalou que o que se ve aquí é “cero traballo e moita ideoloxía”, posto que levan 6 meses de retraso coa taxa turística , case un ano de retraso coas vivendas de uso turístico e nada se sabe da famosa regulación para prohibir picnics e acampadas nos espazos emblemáticos.
Así, destacou, “non se entende que con todas as frontes que teñen abertas e que non son quen de xestionar, queiran abrir outra aspiña máis a ver que pasa”. “Xentes de todo o mundo, soas ou acompañadas, esfórzanse todos os días por chegar a Santiago, non existe un lugar do mundo que consiga esa manifestación multitudinaria de ledicia como a Praza de Obradoiro; e agora pretenden prohibir os grupos de visitantes”, “de verdade están pensando o que din?” preguntouse Verea, “queren prohibir a entrada de grupos de peregrinos que chegan ao Obradoiro?”.
O tamén deputado popular afirmou que “Santiago é desde hai mil anos unha cidade universal, cosmopolita e aberta ao mundo e nós imos defender ese compostelanismo ata as últimas consecuencias”.
Así invitou ao BNG a que, “se realmente queren preocuparse polo descanso dos veciños, se poñan a traballar no problema do ruído nocturno, no tráfico colapsado das nosas rúas, nunha política de vivenda para todos e nunha cidade limpa, amable e ordenada”. “Déixense de ideoloxía e de dar paos de cego; deixen aos peregrinos que levan mil anos construíndo o que somos, en paz; e póñanse a traballar polo realmente importante dunha vez”, concluíu Verea.
Written by: Líder Redacción
compostela denuncia pp radio lider santiago santiago turismo
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)