Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 noviembre, 2025
A proposta aposta por reapropiarse dunha expresión popular para transformala nunha chamada á reflexión, á responsabilidade e ao benquerer.
O Concello de Arzúa presentou a súa campaña institucional e a programación deste 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, baixo o lema “Bótalle collóns e practica o benquerer”, unha proposta que emprega a provocación como ferramenta para cuestionar os modelos de masculinidade tóxica e promover un novo xeito de relacionarnos baseado no respecto, na responsabilidade e na empatía.
A campaña parte dunha expresión popular profundamente ligada á linguaxe masculina tradicional para interpelar directamente aos homes e convidalos a reflexionar sobre comportamentos normalizados que tamén forman parte das violencias machistas: control emocional, intimidación, complicidade silenciosa ou actitudes discriminatorias que continúan presentes no día a día.
Durante o acto de presentación, a concelleira de Igualdade, Lucía López, destacou que “optamos por unha mensaxe directa, sen eufemismos, que nos faga pensar e que nos axude a nomear aquilo que ás veces se agocha baixo a aparencia da normalidade. Practicar o benquerer é unha decisión consciente que require coraxe, humildade e vontade de cambio”.
O #benquerer como compromiso colectivo fronte ás violencias machistas
Esta iniciativa continúa a liña estratéxica iniciada na campaña de 2024, “Que a vergoña sexa deles. Para nós, o benquerer”, na que se puxo o foco en mudar o lugar da culpa, sinalando que a responsabilidade debe recaer sobre quen exerce violencia e non sobre quen a sofre. Aquel traballo apostaba por visibilizar a pluralidade de perfís dos maltratadores e romper estereotipos, ao tempo que reivindicaba o benquerer como camiño colectivo. A campaña deste ano dá un paso máis nesa dirección: interpélase directamente aos homes a asumir un papel activo na prevención das violencias machistas, dándolle a volta a unha expresión popular para convertela nunha chamada á reflexión e á corresponsabilidade.
“Con esta campaña reafirmamos unha liña de traballo clara: poñer o foco no problema real, nas agresións e nos comportamentos machistas que os homes aprenden, reproducen e chegan a asumir como naturais, e non nas mulleres. A campaña incide nesas actitudes machistas profundamente normalizadas polo contexto social, cultural e educativo no que vivimos e que durante demasiado tempo permaneceron invisibilizadas. Se realmente queremos unha sociedade máis igualitaria, fai falta valentía para nomear o machismo sen eufemismos e fai falta compromiso para construír relacións baseadas no respecto, na igualdade e no coidado. Iso é do que falamos cando falamos do benquerer”, concluíu Lucía López, concelleira de Igualdade.
10:00 h · Casa das Mulleres
Xornada de formación · “Prostitución, explotación sexual e trata. Realidade e dereitos”
Coa colaboración de Médicos do Mundo.
20:00 h · Casa de Correos
Inauguración da exposición fotográfica Mulheres, de Mercedes Vázquez Saavedra
Aberta do 20 de novembro ao 10 de decembro.
A exposición documenta a vida das mulleres do rural da raia galego-portuguesa, poñendo en valor o seu traballo, costumes, solidariedade e memoria histórica. O proxecto recolle testemuñas de mulleres que asumiron múltiples roles na vida fronteiriza e que lembran a axuda humanitaria prestada aos fuxidos tras a guerra, símbolo da fraternidade e da humanidade destas comunidades.
18:00 h · Casa das Mulleres
“Rosa e Azul” · Sesión de narración oral para público familiar (+4 anos)
Un espectáculo que racha cos estereotipos de xénero e propón novas narrativas para a infancia a través de contos teatralizados, monicreques e xoguetes artesáns. Historias reais e ficcións que xiran arredor da diversidade, o respecto, o amor e a tolerancia.
19:00 h · Capela da Madanela
Concerto de MJ Pérez
A cantautora arzuá, unha das voces máis destacadas da música galega actual, ofrece un concerto íntimo na Capela da Madanela. Cunha traxectoria de máis de dez anos, catro discos editados e recoñecementos como o Premio Martín Códax da Música 2021, a artista pecha este ano a súa xira e prepara o lanzamento do seu quinto álbum, o máis internacional da súa carreira.
Lanzamento do Manifesto do Concello de Arzúa polo 25N
A través das redes sociais oficiais do Concello.
Animamos a toda a veciñanza a participar activamente e a facer súa a mensaxe central deste 25N: bótalle collóns… e practica o benquerer.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)