AD

Actualidad

Bouza reclama a Rueda que cumpra co centro de saúde do Castiñeiriño tras case tres anos de atraso

today13 febrero, 2026

Fondo
share close
AD
  • O deputado socialista, Aitor Bouza, denuncia que a saturación da Atención Primaria non é unha situación puntual, senón o resultado dun modelo sanitario que está deteriorando progresivamente o sistema público e empurrando á cidadanía cara á sanidade privada.
  • O PSdeG esixe que se garanta o acceso á médica ou médico de cabeceira nun prazo máximo de 48 horas e anuncia unha iniciativa específica no Parlamento para desbloquear a creación do centro de saúde do Castiñeiriño, comprometido polo PP e aínda sen executar.
  • Os socialistas critican que o Partido Popular votase en contra das emendas presentadas para impulsar esta infraestrutura sanitaria e cuestionan a falta de influencia do señor Verea en Santiago para facer cumprir os compromisos adquiridos coa veciñanza.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2026. O deputado no Parlamento de Galicia e secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, anunciou que o Grupo Socialista levará á Cámara galega tanto a situación da sanidade pública na área compostelá, marcada polo colapso das urxencias e polas dificultades crecentes para acceder á Atención Primaria, como o incumprimento do compromiso da Xunta coa creación do novo centro de saúde do Castiñeiriño.

Bouza sinalou que a saturación da Atención Primaria está detrás dunha parte importante dos problemas asistenciais e lembrou que, tal e como xa viña advertindo o PSdeG, “estes colapsos que se producían viñan gran parte producidos por unha atención primaria que estaba absolutamente saturada”, insistindo en que a situación non é nova e pode comprobarse a diario ao tentar solicitar unha cita médica en Compostela.

O dirixente socialista puxo exemplos concretos da demora na atención e advertiu de que “se simplemente precisamos unha receita tampouco temos cita nin telefónica ata o mes de marzo” e que “temos que esperar case un mes para que nos atenda a nosa médica de cabeceira”, unha situación que cualificou de “absolutamente lamentable” e que, ao seu xuízo, responde a “unha cuestión de modelos”.

Segundo defendeu, o modelo do Partido Popular está deteriorando progresivamente o sistema público e a súa política sanitaria “o que deixa entrever” é “que quere que a cidadanía teña que verse abocada a acudir á sanidade privada”, algo que considerou “absolutamente intolerable”. Bouza advertiu ademais de que “non se pode xogar cos nosos dereitos. Non se pode xogar coa sanidade. Non se pode privatizar a sanidade pública”.

Neste contexto, o PSdeG volverá reclamar no Parlamento que se garanta o acceso á médica ou médico de cabeceira nun prazo máximo de 48 horas, unha proposta xa defendida polos socialistas a través dunha iniciativa lexislativa, xa que, segundo insistiu Bouza, “o que esiximos é que se repoña a sanidade pública á calidade que se merecen as veciñas e os veciños de Santiago”.

Xunto co debate sobre o colapso da Atención Primaria, o Grupo Socialista levará ao Parlamento unha iniciativa específica para esixir a creación do novo centro de saúde do Castiñeiriño, un compromiso do Partido Popular que, segundo Bouza, “segue sen materializarse máis de dous anos despois”.

Bouza lembrou que o PSdeG presentou emendas aos orzamentos da Xunta para impulsar o centro de saúde, que foron rexeitadas polo PP, e anunciou que rexistrarán agora unha iniciativa específica para o seu debate, advertindo de que “agardamos que non fora simplemente un anuncio de campaña electoral e que, polo tanto, se comprometa coas veciñas e cos veciños de Compostela e que non os volva a traicionar outra vez máis co seu voto negativo”.

Nese contexto, o deputado socialista puxo en dúbida o compromiso real do Partido Popular co Castiñeiriño e a súa capacidade para facer valer ese proxecto ante a Xunta: “Onde está ese centro de saúde? Onde está a influencia do señor Verea coa Xunta de Galicia?”, preguntou.

O responsable socialista asegurou que o único posicionamento do PP ata o momento foi “o voto en contra” ás propostas presentadas nos orzamentos para Compostela, entre elas a relativa ao centro do Castiñeiriño. Tamén criticou o que cualificou de incoherencia política ao votar en contra de iniciativas socialistas que posteriormente defenden como propias.

Finalmente, Bouza enmarcou esta ofensiva parlamentaria na mobilización social das últimas semanas en defensa da sanidade pública e comprometeu ao PSdeG a “levar ao Parlamento Galego a voz de tanta xente que realmente reivindica unha sanidade pública de calidade e gratuíta sen ter que depender dos cartos”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *