Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 abril, 2024
17 de abril de 2024.- O Pleno Ordinario de Brión aprobou este mediodía por unanimidade solicitarlle á Xunta de Galicia a declaración da Romaría de Santa Minia como Festa de Interese Turístico de Galicia. Unha solicitude que vai acompañada por unha completa memoria explicativa con fotografías, libros, material gráfico e audiovisual que demostra que a Romaría de Santa Minia cumpre cos requisitos esixidos para ser declarada de Interese Turístico de Galicia. A maiores, a solicitude vai acompañada por un extenso informe asinado por Clodio González, historiador e integrante da Real Academia Galega.
A sesión plenaria ordinaria de abril tomou coñecemento da renuncia de Adrián García como concelleiro do Partido Popular por motivos persoais. Será substituído polo seguinte integrante da lista popular: Emilio Jesús Aparicio. No resto da sesión aprobouse, co voto a favor do PSOE e as abstencións do PP e do BNG, o Recoñecemento Extraxudicial de Crédito 3/2024 por 65.683 euros para o pago de facturas emitidas en 2024 pero correspondentes a 2023, dos que máis de 54.000 euros correspóndense con subministro eléctrico.
Finalmente, os votos a favor de PSOE e BNG e a abstención do PP permitiron aprobar o estudo de viabilidade económica e financeira do novo servizo de abastecemento de auga potable. Na quenda de mocións, o Pleno rexeitou, cos votos en contra do PSOE e a abstención do PP, a petición do BNG de que comezaran a gravarse e retransmitirse en streaming todas as sesións plenarias a partir da sesión de abril. A voceira municipal, Sandy Cebral, explicou que “estamos abertos á posibilidade da gravación e retransmisión dos Plenos pero é algo que vai implantar a Deputación da Coruña en breve, polo que pensamos que podemos aforrarlle ese gasto ás arcas municipais e agardar a que o asuma a Deputación”.
Escrito por Líder Redacción
brion festa interese galicia pleno radio lider santiago santa minia turismo
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)