AD

Destacado

Busto, exemplo do abandono do rural compostelán: «A votación da escisión de Santiago está aprazada»

today26 marzo, 2026

Fondo
share close
AD
  • A veciñanza de Busto denuncia anos de abandono institucional e reclama servizos básicos, mentres deixa no aire a súa continuidade como parroquia de Santiago de Compostela

A parroquia de Busto, situada ao norte de Santiago de Compostela, converteuse nos últimos días nun símbolo do malestar do rural compostelán. A través da voz de Sandra Ríos, tesoureira da Asociación de Veciños Campo das Escolas, coñecemos unha realidade marcada pola falta de servizos básicos e polo que consideran un abandono continuado por parte do Concello, deste pequeno enclave conformado por unha comunidade duns 200 veciños.

A polémica xurdiu tras o anuncio dun posible referendo para que Busto deixe de formar parte de Santiago e se integre no concello veciño de Trazo. A consulta foi finalmente aprazada tras o compromiso verbal da alcaldía de mellorar a conexión de transporte, unha das principais demandas. “Queremos un compromiso firme, por escrito, non só palabras”, subliña a representante veciñal, deixando claro que a confianza institucional está seriamente danada.

A situación da parroquia é, segundo relatan, o resultado de anos de deixadeza. Entre as carencias máis urxentes destacan a ausencia de transporte público regular, a falta de saneamento, o deterioro das infraestruturas e a inexistencia de servizos básicos como parques ou espazos comunitarios en condicións. “Non pedimos luxos, pedimos cousas moi básicas”, insiste Ríos, enumerando problemas como pistas en mal estado, sinalización deficiente ou unha escola en risco de derrubo.

O transporte é, probablemente, o exemplo máis evidente da desconexión. A veciñanza depende de vehículos particulares ou taxis para acceder a servizos esenciais, cun custo elevado. “Un taxi ao centro pode custar máis de 20 euros só a ida”, denuncia, poñendo o foco no impacto económico e social desta carencia, especialmente nunha poboación envellecida.

A asemblea veciñal celebrada recentemente acordou por unanimidade esixir dimisións no ámbito municipal e reclamar solucións inmediatas. Ademais, aprobouse iniciar os pasos para un posible cambio de concello, aínda que condicionados ao cumprimento das promesas. “Somos poucos, pero temos dereitos”, reivindica Ríos, nunha mensaxe que transcende Busto e interpela ao conxunto do rural galego.

A falta de resposta doutros colectivos e entidades tamén foi criticada pola asociación, que bota en falta máis apoio social. Mentres tanto, non descartan novas mobilizacións se non hai avances: “Non descartamos ningunha opción se isto se demora”, advirte a portavoz, deixando aberta a porta a futuras protestas.

Busto, unha parroquia “que non é de paso, hai que ir”, como ela mesma define, reclama agora visibilidade e dignidade. A súa loita exemplifica un problema estrutural: o equilibrio pendente entre cidade e rural nun municipio que, máis alá do casco histórico, segue a ter contas pendentes co seu territorio.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *