AD

Actualidad

Cantos da Terra, Son de Gaita e o Dúo Dilema porán a música ao Entroido de Sergude

today1 febrero, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

Os atranques dos Xenerais da Ulla terán lugar a partir das 20:00 h.

Boqueixón, 1 de febreiro de 2024.- Os veciños e veciñas da Comisión de Festas de Deseiro de Abaixo (Sergude, Boqueixón) veñen de pechar a programación do seu tradicional Entroido, que este ano terá lugar o domingo 11 de febreiro e que recupera as actuacións musicais, tras os condicionantes que a pandemia impuxo ás últimas edicións. De feito, ata tres grupos tomarán parte deses festexos: Cantos da Terra, Dúo Dilema e os locais Son de Gaita.

Unha programación que representantes da Comisión de Festas de Deseiro de Abaixo veñen de presentarlle ao alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, quen salientou que o de Sergude “é unha cita imprescindible co Entroido tradicional do noso val do Ulla, onde desde ben cediño os Correos, Xenerais e a comparsa percorrerán a parroquia, co prato forte a partir das oito da tarde no campo da festa cos Atranques dos Xenerais e Xeneralas da Ulla, unha festa declarada de interese turístico de Galicia”.

Así, o Entroido de Sergude dará comezo ás 11:00 horas coa saída do campo da festa dos Xenerais, Correos e Coros, que percorrerán a parroquia acompañados da música do grupo local Son de Gaita. Xa pola tarde, entre as 18:00 e as 20:00 horas actuará o grupo Cantos da Terra, que ao rematar o seu concerto dará paso aos Coros de Entroido, acompañados do grupo Son de Gaita.

A iso das 20:00 horas está previsto que se realicen os Atranques dos Xenerais da Ulla, que escenificarán os seus tradicionais enfrontamentos dialécticos por parellas nos que farán sátira de asuntos locais, de política ou do corazón acontecidos durante o ano. Ao remataren os atranques sortearse a carretilla do Entroido e o Dúo Dilema porá o fin de festa.

Dende a Comisión de Festas confirman que haberá un amplo aparcadoiro gratuíto e solicitan que, por motivos de seguridade, todas as persoas que desexen participar no Entroido con comparsas e vellada se poñan en contacto coa Comisión no teléfono 660 004 647.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%