Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 octubre, 2025
Arzúa, 15 de outubro de 2025. O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para este sábado a segunda actuación encadrada no programa Sábados en familia incluído na programación cultural Outono a escena pensada para dinamizar as fins de semana dos meses de outubro e novembro con actuacións de artes escénicas e musicais para todos os públicos.
O certame ofrece este sábado, 18 de outubro, unha proposta para público infantil e familiar a partir dos 4 anos co espectáculo A nena que vivía nunha caixa de mistos da compañía Caramuxo Teatro.
Trátase dun espectáculo inspirado no conto de A vendedora de mistos de Andersen. Unha peza cunha linguaxe contemporánea que aborda a pobreza infantil e a orfandade cunha mensaxe positiva sobre o poder do cambio. Unha proposta de teatro de actriz e monicreques case sen palabras que recorda ás películas clásicas en branco e negro. O espectáculo conta con música en directo e é a terceira pata da compañía sobre contos populares que empezou con As fabas máxicas, continuou con Feo (Premio María Casares a Mellor Espectáculo Infantil) e remata con esta peza.
A función terá lugar ás 18:00 h. na Capela da Madanela e a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade.
O Concelleiro de Cultura, José Luís García anima “a todas as familias a participar neste espectáculo para achegar ás nenas e aos nenos á cultura” tendo en conta, ademais, segundo salienta o concelleiro que “se está facendo un importante esforzo na programación de actividades dirixidas a público infantil e familiar, como o demostra que sete dos trece espectáculos do programa de outono son dirixidos especialmente a este tipo de público”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)