AD

Comarca

Carlos Martínez, alcalde de Vedra: «A política municipal é escoitar e dar resposta»

today17 febrero, 2026

Fondo
share close
AD
  • O rexedor defendeu en Radio Líder Santiago un modelo de crecemento ordenado e sostible, baseado na planificación urbanística, a creación de oportunidades laborais e o reforzo dos servizos municipais para fixar poboación e garantir calidade de vida.

O alcalde de Carlos Martínez fixo balance da situación actual do Concello de Vedra nunha entrevista en Radio Líder Santiago, na que debullou os principais retos e proxectos do municipio. Ao longo da conversa, Martínez puxo o acento nun modelo de crecemento “ordenado e sostible”, afastado da improvisación, e centrado na calidade de vida da veciñanza.

“Non queremos medrar a calquera prezo, queremos medrar ben”, subliñou o rexedor, incidindo en que Vedra debe aproveitar a súa proximidade a Santiago sen perder a súa identidade rural. Segundo explicou, o equilibrio entre desenvolvemento urbanístico e conservación do territorio é unha prioridade clara do seu equipo de goberno.

Un dos puntos centrais da entrevista foi a planificación urbanística. Carlos Martínez defendeu a necesidade de establecer bases sólidas para o desenvolvemento do concello nos vindeiros anos. “O futuro non se improvisa, planifícase”, afirmou con rotundidade, lembrando que a estabilidade normativa é fundamental para atraer investimento e ofrecer seguridade xurídica á veciñanza.

O alcalde tamén fixo referencia á importancia de dispoñer de solo industrial e espazos que permitan a implantación de pequenas e medianas empresas. “Se queremos fixar poboación, temos que ofrecer oportunidades laborais aquí”, sinalou, destacando que o desenvolvemento económico é clave para evitar que a mocidade teña que marchar fóra.

Durante a entrevista, Martínez puxo en valor os servizos municipais, especialmente no ámbito social e educativo. “Vedra é un concello vivo, con familias novas e con necesidades que temos que atender con responsabilidade”, indicou. Neste sentido, destacou os esforzos en conciliación, apoio ás familias e mellora das infraestruturas públicas.

Tamén abordou a cuestión das comunicacións e das infraestruturas viarias, recoñecendo que “sempre hai marxe de mellora”, pero reivindicando o traballo realizado nos últimos anos. “Somos un concello que avanza con sentidiño, con contas saneadas e priorizando o realmente importante”, engadiu.

Carlos Martínez insistiu na necesidade de manter unha relación directa coa cidadanía. “A política municipal é a máis próxima, e iso obríganos a escoitar e dar resposta”, asegurou. Para o alcalde, a clave da xestión local está en combinar proximidade e planificación estratéxica.

A modo de conclusión, o rexedor transmitiu unha mensaxe de confianza: “Temos proxectos reais, temos estabilidade e temos claro cara onde queremos ir”. Un discurso centrado na prudencia, pero tamén na ambición de consolidar Vedra como un concello atractivo para vivir, traballar e formar unha familia.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *