AD

Comarca

Carmen Calvo reivindica en Padrón a forza do feminismo para loitar contra os ataques á democracia

today7 octubre, 2025

Fondo
share close
AD
  • A presidenta do Consello de Estado foi recibida polo alcalde, Anxo Arca, e asinou no Libro de Honra do Concello
  • Presentou no auditorio o seu libro ‘Nosotras: el feminismo en democracia’

Padrón. 7-10-2025. Carmen Calvo, presidenta do Consello de Estado e vicepresidenta do Goberno, reivindicou esta tarde no auditorio de Padrón a forza do feminismo para facerlle fronte aos discursos actuais que poñen en perigo a democracia. Sinalou que non pode haber democracia se non hai igualdade e que, conquistados os espazos públicos, é hora de que as administracións aborden como prioritarios os asuntos que afectan as mulleres.

A exvicepresidenta do Goberno presentou no auditorio padronés o seu libro Nosotras: el feminismo en democracia, no que aborda os avances e os retos do feminismo español. No acto, organizado polo Centro de Información á Muller Terras de Iria, estivo acompañada polo alcalde de Padrón, Anxo Arca; o alcalde de Dodro, Xabier Castro; a concelleira de Igualdade de Rois, Mercedes Basante; e a concelleira de Igualdade de Padrón, Mariló Saco. Tamén participaron nos actos os concelleiros Chus Campos, Luis Mariño e Laura Horta.

“Para que haxa democracia plena ten que haber igualdade. Iso é básico. A partir de aí, falaremos de feminismo cando poidamos plantexar unha axenda propia das mulleres”, sinalou Carmen Calvo, que definiu o feminismo como “unha revolución que cambia mentalidades e actitudes e que se constrúe non en contra dos homes, senón en contra dun sistema que prexudica as mulleres”.

A presidenta do Consello de Estado explicou que o seu libro trata sobre o “corpo e o poder” e resaltou que, mentres os homes gañaban no século XVIII a condición de cidadáns donos de seu, as mulleres quedaron excluídas. Hoxe en día, subliñou, “aínda se cuestiona o aborto e se comercia co seu corpo con prácticas como a prostitución e os ventres de aluguer”.

A presentación Nosotras: el feminismo en democracia estivo precedida por unha visita institucional ao Concello de Padrón, onde Carmen Calvo foi recibida polo alcalde e outros membros do goberno local. A presidenta do Consello de Estado asinou no Libro de Honra municipal e recibiu de mans de Anxo Arca unha figura de Sargadelos de Rosalía de Castro e o libro que recolle os Escritos feministas da autora galega máis universal.

Precisamente sobre Rosalía sinalou que forma parte, xunto a Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán, da tríada galega que marcou o principio da loita polos dereitos da muller en España.

Tal e como recordou Anxo Arca durante a presentación, a visita de Carmen Calvo enmárcase no amplo programa de actos cos que o Concello de Padrón busca deixar patente o seu compromiso coa igualdade de xénero e coa promoción de espazos de encontro e debate arredor das políticas feministas.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *