AD

Actualidad

Centos de persoas desfrutan do Mercadiño de Nadal da Baña

today17 diciembre, 2023

Fondo
share close
AD
  • O talento local estivo representado polas agrupacións da Escola de Música Tradicional e por un grupo musical do CPI San Vicente
  • A actuación do Mago Teto e unha exhibición de ximnasia rítmica e acrosport de AFA Avania completaron a oferta lúdica no pavillón de San Vicenzo
  • Papá Noel volveu espertar grande expectación entre a cativada A xornada comezou na Escola de Música Emilio Andújar co concerto de Nadal de alumnado e profesorado

A Baña. 17-12-2023.- Este domingo, 17 de decembro, o pavillón municipal de San Vicenzo acolleu a oitava edición do Mercadiño de Nadal da Baña. Dende as 12 do mediodía e ata as 8 da tarde, ducias de veciños e visitantes puideron desfrutar dunha variada oferta de artesanía, produtos de alimentación e doces típicos desta época, nun ambiente festivo con música, maxia e mesmo coa agardada visita de Papá Noel. Como preludio da cita festiva, a Escola de Música Emilio Andújar acolleu ás once da mañá o concerto de alumnado e profesorado.

O encontro, que se está a converter nunha cita imprescindible na comarca, ofreceulle ao numeroso público asistente a oportunidade de mercar agasallos únicos e deliciosos produtos propios do Nadal, ademais de gozar cun amplo programa de actividades e espectáculos que tiña como obxectivo entreter a toda a familia e darlle pulo ao talento local.

A primeira das actuacións chegou á unha do mediodía da man dos gaiteiros da Escola de Música Tradicional (EMT) da Baña. Ás catro da tarde foi a agrupación de pandeireteiras da mesma escola quen animou o ambiente no mercado. E, ademais, o Mercadiño serviu como escenario para a presentación dun novo proxecto da Escola de Música Tradicional da Baña, bautizado como CantoEncanto.

Seguindo coa promoción do talento local, ás catro e media da tarde comezou a exhibición de ximnasia rítmica e acrosport do alumnado destas actividades extraescolares no CPI San Vicente, grazas á colaboración de AFA Avania, a asociación de familias do centro bañense. Tamén do CPI San Vicente procedía o grupo musical Willi Wonka e as Umpalumpas, que sorprendeu coa súa actuación a partir das cinco da tarde.

Máis alá das actuacións, o Concello da Baña quere agradecer a implicación do colexio na decoración do Mercadiño de Nadal, na que colaborou alumnado e profesorado do CPI San Vicente.

Ademais da música e das exhibicións deportivas, a maxia tamén estivo presente. Unha das actuacións máis esperadas foi o espectáculo do Mago Teto Pequenas grandes maxias, unha proposta de ilusionismo para todos os públicos que chegou á Baña grazas á colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

E, como guinda á festa, Papá Noel atendeu os desexos de nenas e nenos. A súa chegada ao Mercadiño de Nadal da Baña tras unha longa viaxe dende o Polo Norte espertou, como é costume, grande expectación.

Empaquetado solidario

Ao igual que en edicións anteriores, no Mercadiño de Nadal da Baña houbo un posto de empaquetado solidario para que todas aquelas persoas que mercasen nalgún dos postos puidesen levar o seu agasallo ben preparado, ao tempo que colaboraban cunha causa solidaria. Este ano, os cartos recadados destinaranse a colaborar coa Asociación Española contra o Cancro.

Festival de Nadal

Antes da apertura do mercado, a actividade cultural comezou hoxe na Baña cun concerto de Nadal que ofreceron alumnado e profesorado da Escola de Música Emilio Andújar.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%