Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today11 julio, 2025
Redacción, 11 de xullo de 2025.- O líder dos populares de Santiago, Borja Verea, participou este xoves nunha entrevista en Radio Líder onde fixo unha análise exhaustiva da actualidade municipal. Dende a política de vivenda ata a contratación pública, pasando pola praza de abastos, os servizos básicos e mesmo as festas do Apóstolo, Verea dedicou boa parte da conversa a criticar con dureza a xestión do goberno local formado por BNG e Compostela Aberta.
“Temos unha cidade con moita enerxía, con moitas ganas, pero levamos anos cun motor gripado. Este goberno está a frear o futuro de Santiago”, advertiu Verea, que se presentou como unha alternativa sólida e traballadora para 2027.
O punto de partida da entrevista foi a proposta do goberno municipal de declarar Santiago como zona tensionada para poder intervir no mercado de alugueiro. A proposta, con todo, foi rexeitada pola Xunta debido á falta de rigor nos datos achegados.
“O informe é unha auténtica chapuza. Nin usaron datos oficiais: sacaron os datos de webs inmobiliarias. Iso non é serio para unha medida estrela”, denunciou Verea.
Fronte á iniciativa do goberno de esquerda, o portavoz popular asegurou que declarar Santiago como zona tensionada “non só non resolverá o problema, senón que o empeorará” ao provocar a retirada de vivenda do mercado de alugueiro.
“A xente deixará os pisos baleiros por medo á inseguridade, aos impagos ou aos límites de prezo. O resultado será menos pisos e prezos máis altos noutros barrios.”
Como alternativa, propuxo un plan municipal baseado en tres piares:
Construír máis vivenda: “Santiago ten solo suficiente, ao contrario que cidades como A Coruña”.
Mobilizar vivendas baleiras: “Sen obrigar a ninguén, senón ofrecendo garantías e incentivos”.
Crear unha bolsa pública de alugueiro: “O Concello podería actuar como intermediario e garantir o cobro aos propietarios”.
Outro dos puntos máis críticos da entrevista foi a situación da xestión municipal, especialmente no que atinxe ás contratacións públicas: limpeza, buses, praza de abastos, subministración de auga… Para Verea, a situación é alarmante: “Non hai goberno, hai funcionarios que manteñen a administración. Pero non hai nin unha soa medida transformadora. É un goberno finiquitado e colapsado.”
Acusou ao executivo local de non ser quen de activar nin sequera medidas consensuadas como a municipalización do aparcadoiro da Praza de Galicia, que “baixaría os prezos e melloraría a mobilidade”.
“Fixeron unha comisión que só se reuniu unha vez. Mentres tanto, os cidadáns seguen pagando máis do necesario por aparcar.”
A praza de abastos, símbolo da vida comercial de Santiago, foi outro dos temas centrais. Verea alertou da súa degradación progresiva, da perda de postos ocupados e da falta de atractivo para os veciños: “Os xoves e sábados xa son un deserto. Sen aparcadoiro nin facilidades, a xente maior non pode ir mercar. Queren convertela nun museo.”
Sobre o contrato da auga, denunciou a “boa vontade” da empresa concesionaria que segue ofrecendo servizo malia que non hai licitación vixente. E nos autobuses urbanos, sinalou unha irregularidade “gravísima” ao contratar servizos sen concurso por 3 millóns de euros: “Os alugueres a dedo sen límite de tempo están xerando facturas millonarias. E agora din que é culpa nosa que non se paguen. Pois que falen cos que a fixeron alcaldesa.”
Verea mostrouse convencido de que, se o PP se queda a un voto da maioría absoluta nas eleccións municipais de 2027, “os tres partidos da esquerda volverán pactar para manter o poder”: “Compostela Aberta, BNG e PSOE forman un tripartito consolidado. Pelexan por fóra, pero apóianse para gobernar.”
Reivindicou o resultado de 2023, onde o PP conseguiu 11 concelleiros, rozando a maioría absoluta “contra todo prognóstico”: “Temos unha maioría social, agora traballamos por conseguir esa maioría legal que a cidade necesita.”
A entrevista rematou abordando as Festas do Apóstolo 2025, cuxa programación se anunciou con escasa antelación. Verea evitou criticar o cartel, pero apostou por cambiar o enfoque: “Defendemos o noso, a nosa cultura, os nosos artistas. Pero tamén hai que traer eventos de proxección, con ambición. Santiago merece situarse no mapa.” Lembrou que a maior parte dos grandes eventos musicais da cidade “veñen da man da Xunta e non do Concello”.
Borja Verea mostrouse como unha figura con discurso, propostas e alternativas claras, ao tempo que lanzou unha ofensiva contundente contra o goberno local. A entrevista deixa entrever que o PP compostelán xa pensa no 2027, coa intención de consolidar unha maioría suficiente para gobernar en solitario.
“Temos un deber: mostrar que hai outro camiño, outra cidade posible. Santiago necesita desbloquear o seu potencial.”
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)