AD

Actualidad

«O Chiringuito» de Ribadiso en Arzúa reabre as súas portas tras case 5 anos pechado

today5 julio, 2024

Fondo
share close
AD

Arzúa, 4 de xullo de 2024 – O Concello de Arzúa anuncia a reapertura da área recreativa de Ribadiso, pechada dende finais de 2019. Tras adxudicarse «O Chiringuito», a empresa responsable confirmou que están en posición de abrir o venres, 12 de xullo, data que tamén marcará o inicio dos «Seráns de Ribadiso».

A novidade é que desde o goberno municipal decidimos establecer unha vixencia de 5 anos para a concesión, con posibilidade de prórroga por ata 2 anos adicionais (1+1). Este acordo resultou beneficioso tanto para o Concello, xa que garante a continuidade dos esforzos pola recuperación da área a medio prazo, como para a empresa que recibiu a concesión. Ao contrario doutras convocatorias, esta empresa recibiu «O Chiringuito» cunha cociña renovada, unha obra e inversión que non estaba ao alcance de calquera pequeno negocio.

Os «Seráns de Ribadiso» son a aposta do Concello por ampliar a axenda cultural máis alá das datas sinaladas. Este espazo privilexiado, cunha contorna que invita ao lecer e ao descanso, é referencial non só para as arzúans e arzuás, senón para toda a bisbarra.

O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, comentou sobre esta iniciativa:

«Cos ‘Seráns de Ribadiso’ quixemos dar un paso máis cara a recuperación deste espazo, patrimonio de todas as veciñas e veciños de Arzúa. ‘O Chiringuito’ levaba moitos anos pechado e pensamos que o dotalo de contido cultural axudará a dinamizar e consolidar este espazo. Continuamos, deste xeito, co noso compromiso de poñer o Concello de Arzúa a funcionar para mellorar a vida da veciñanza.»

A inauguración terá lugar a partir das 18:30 horas e arrancará coa actuación de Pakolas e o seu espectáculo «Ramona Órbita, a dona do tempo», onde o artista interpretará temas de rock mentres interactúa cos nenos e nenas nunha viaxe na que aprenderán como coidar do medioambiente. A continuación, ás 20:00 horas, «Luar nas Augas» amenizará a festa ao ritmo da música tradicional.

«Estamos orgullosas e orgullosos dos avances, mais somos conscientes de que aínda queda moito traballo por facer. Esperamos que os ‘Seráns de Ribadiso’ e a reapertura do ‘Chiringuito’ sexan o primeiro paso que axude ás demais administracións con responsabilidades nesta zona a entender o potencial que ten a mesma. Nomeadamente, a Augas de Galiza, á que xa lle trasladamos que o noso obxectivo era recuperar tamén a zona de baño e que para iso precisábamos da súa colaboración. Queremos que Ribadiso sexa da veciñanza e por iso non descansaremos ata acadar un compromiso coas institucións afectadas e devolverlle a área recreativa todo o seu esplendor para disfrute da veciñanza», explicou Xoán Xesús Carril.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%