Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today21 noviembre, 2025
O Concello de Padrón prepárase para vivir un Nadal cheo de novidades, cunha aposta clara pola dinamización turística e comercial. A concelleira de Turismo, Festas e Comercio, Chus Campos, anunciou que por primeira vez o municipio contará cunha pista de xeo natural, de 240 metros cadrados, instalada ao lado do pavillón do Souto. Estará aberta desde o 5 de decembro ata o 11 de xaneiro, baixo carpa para garantir o seu uso en calquera condición meteorolóxica.
“Veño contar aquí moitas primeiras veces, e esta é outra: é a primeira vez que Padrón terá pista de xeo”, destacou Campos durante a súa intervención en Radio Líder Santiago.
O acendido de luces será o 29 de novembro, ás seis da tarde, e marcará o inicio dun amplo programa de actividades: concertos, teatro, o festival de panxoliñas, a visita de Papá Noel e a súa “casinha”, a Papa Noelada ciclista —unha nova proba festiva con gincanas e premios—, e a tradicional Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro. “Queremos que o Nadal se viva en familia, con propostas para pequenos e maiores”, explicou a concelleira.
Outro dos puntos fortes da programación é o lanzamento dos “Bonos Padrón”, unha iniciativa municipal para incentivar as compras no comercio local. Os bonos, de 10 euros de desconto por cada compra mínima de 20 euros, poderán retirarse os días 1 e 2 de decembro na Escola de Música, en horario de 11:00 a 18:00. “É a primeira vez que se pon en marcha unha campaña así en Padrón, e queremos que chegue a todos, especialmente á xente maior, por iso é presencial e con bonos físicos”, subliñou Campos.
“Padrón ten o que precisas. Non fai falta ir a ningún lado: aquí temos de todo”, engadiu, animando á veciñanza a mercar no comercio do municipio.
A concelleira fixo tamén un chamamento á creación dunha asociación de comerciantes e hostaleiros para fortalecer o tecido económico local. “Agora temos que dirixirnos un a un a todos os establecementos, e sería moito máis sinxelo se houbera unha entidade que coordinase estas accións. Así poderiamos optar a máis subvencións e mellorar as condicións do comercio en Padrón”, destacou.
Ademais, Campos celebrou o recente recoñecemento de Padrón como “Pueblo Mágico de Galicia”, tras recibir máis de 6.000 votos nunha votación popular. “Estamos moi agradecidos a toda a xente que votou, mesmo dende Arjonilla, o noso pobo irmán. Este título súmase ao de Pueblo Mágico de España e reforza o noso atractivo turístico”, sinalou. O premio entregarase oficialmente en FITUR 2026, a feira internacional de turismo de Madrid.
A entrevista serviu tamén para repasar outros proxectos recentes, como a nova ruta de sendeirismo das Pesqueiras, homologada pola Federación Galega de Montañismo, e para poñer en valor o papel do mercado dominical de Padrón como “revulsivo social, cultural e turístico”.
“Padrón está máis vivo ca nunca, e queremos que este Nadal sexa o reflexo desa vitalidade”, concluíu Campos, entre agradecementos ao comercio local e a todas as persoas que colaboran coa programación festiva.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)